InicioOccidentalOurolEstablecementos Turismo Slow Norte Galicia poderán entrar no Club Destino Sostible

Establecementos Turismo Slow Norte Galicia poderán entrar no Club Destino Sostible

Publicada o

- Advertisement -

No salón de plenos do Concello de Ourol tivo lugar esta mañá a presentación do acordo acadado polas Mancomunidades de Concellos da Mariña e Ferrolterra co Clúster de Turismo de Galicia, que inclúe como criterio habilitante para entrar no produto Galicia Destino Sostible pertencer ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia.

A presidenta da Mancomunidade da Mariña, Rocío López, lembrou que “Turismo Slow Norte de Galicia é un proxecto que as Mancomunidades de Concellos da Mariña e Ferrolterra, co apoio dos convenios que ambas entidades asinan anualmente coa Axencia de Turismo de Galicia, puxeron en marcha xa no ano 2015, o que converteu nun proxecto pioneiro tanto en nesta comunidade coma en España”.

López dixo que “os negocios que forman parte de Turismo Slow Norte de Galicia cumpren un triplo compromiso: o ambiental, de coidado do entorno; coa calidade; e co proxecto, que se refire á implicación e o interese pola consolidación do mesmo”.

Galicia Destino Sostible, impulsado polo Clúster de Turismo de Galicia coa financiación da Xunta, é un club de produto que ten como obxectivo integrar a oferta turística sostible desta comunidade, conectando a turistas con empresas e facilitando o proceso de procura ás persoas interesadas en coñecer o destino garantindo a protección do medio ambiente e do seu patrimonio cultural e natural, o respecto pola cultura e a poboación local, e promovendo o impulso da economía local.

Á oferta turística integrada en Galicia Destino Sostible esíxeselle que cumpra cunha serie de criterios de sostibilidade e que traballe na súa mellora continua. Na actualidade, o club está formado por máis de 90 empresas e conta cunha oferta conformada por máis de 150 experiencias de turismo sostible.

A presidenta da Mancomunidade indicou que “é por todo isto que, desde os equipos técnicos de ambos proxectos e por iniciativa da Mancomunidade de Concellos da Mariña, analizouse a súa posible confluencia e reforzamento mutuo en beneficio das empresas e, polo tanto, de ambos territorios. Isto deu como resultado que o club de produto incluíse como un dos seus criterios habilitantes para aloxamentos, pertencer ao proxecto Turismo Slow Norte de Galicia”.

López comentou que “deste xeito, Galicia Destino Sostible, e si así o desexan os aloxamentos pertencentes a Turismo Slow Norte de Galicia, poderá ampliar a súa oferta turística e as empresas de aloxamento a súa visibilidade e promoción a nivel nacional e internacional así coma opcións de formación e networking con empresas do resto de Galicia que brindan este proxecto”.

Hoxe en día Turismo Slow Norte de Galicia conta con 26 empresas de aloxamento no xeodestino da Mariña e 21 en Ferrolterra, que terán a oportunidade de formar parte dun xeito directo de Galicia Destino Sostible. Para informar deste proceso, terán lugar dúas charlas – unha na Mariña e outra en Ferrolterra– o próximo día 16 de abril, ás que serán convocadas os aloxamentos.

A presidenta da Mancomunidade da Mariña engadiu que “o obxectivo deste acto de hoxe é poder comunicar este acordo, esta positiva noticia, ao tempo que se pon en valor o traballo realizado durante estes anos en Turismo Slow Norte de Galicia, se presenta o club de produto Galicia Destino Sostible e se da visibilidade ás distintas entidades que traballan e axudan a que un modelo turístico sostible de territorio en Galicia sexa posible”.

No acto celebrado en Ourol participaron representantes das Mancomunidades da Mariña e Ferrolterra, do Clúster de Turismo, da Xunta de Galicia, das empresas que levan adiante ambos proxectos (Turismo Slow e Destino Sostible) e do Concello anfitrión.

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa urxe ampliar a balsa de lodos: “Os compradores non van querer un depósito que se acaba no 2025”

O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, avisou de que se necesita...

Atropelada unha nena de 12 anos preto do instituto de Foz

Unha menor, duns 12 anos de idade, resultou ferida leve na mañá deste luns...

Incertidume ante a ampliación da balsa de lodos de Alcoa: falta documentación e a caracterización como residuo perigoso

A ampliación da balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao está pendente de que a...

FEGAMP e Burela demandan que a Xunta se faga cargo do persoal da UAD

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e a...