InicioEconomíaAlcoa en venda: prevé ter en xuño ofertas vinculantes de compradores

Alcoa en venda: prevé ter en xuño ofertas vinculantes de compradores

Xunta e Goberno pecharán un acordo de confidencialidade coa compañía para velar pola "seriedade" das empresas interesadas "no exame das ofertas".

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa trasladou na reunión de seguemento deste xoves que prevé ter a mediados de xuño ofertas vinculantes de compradores do complexo industrial de San Cibrao, no municipio de Cervo. Ao termo do encontro en Madrid, o comité de empresa informou de que Alcoa expuxo que xa comezaron os contactos con potenciais compradores, polo que a compañía estima que a mediados de maio haberá ofertas non vinculates, as cales serán vinculantes a medidos de xuño.

Así, Alcoa presentoulles unha situación financeira a cinco anos con liñas de actuación para garantir a viabilidade, nun contexto no que se augura que na segunda metade do ano terminaríanse os fondos e poderíase chegar a considerar unha posible situación de insolvencia.

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, explicou que se pediu “concreción” á compañía nos prazos desa venda, polo que a empresa puxo o horizonte de xuño para as ofertas vinculantes. Mostra o “compromiso” da Xunta para “acompañar, examinar e axudar” para conseguir “seriedade” e “solvencia” no comprador. Agora, Xunta e Goberno emprazáronse a pechar un acordo de confidencialidade a próxima semana con Alcoa de cara a unha comunicación entre compañía e ambos os executivos “no exame de ofertas” e “seriedade de empresas” que sexan posibles compradoras.

CUMPRIMENTO DO ACORDO

Entre outras cuestións, a empresa pediu unha flexibilización do rearranque das cubas en función da viabilidade, demandou usar o depósito de garantías para compensar perdas, referiuse a un atraso no investimento do forno de ánodos ata 2026 ligado á viabilidade da operación e apostou por un programa de baixas voluntarias.

Mentres, o comité remarcou que non van modificar o acordo de viabilidade asinado nin tampouco vai permitir “que Alcoa acceda ao depósito financeiro”. “Os diferentes mecanismos dos gobernos deben participar e garantir o proceso de venda. É vital que o proxecto de construción do forno de cocción de ánodos se inicie canto antes para garantir a carga de traballo das empresas auxiliares e para a viabilidade da empresa a longo prazo”, asegura o comité nun comunicado.

Nesta liña, o presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, indica que o plan a cinco anos presentado por Alcoa non presenta “ningunha garantía”, con 600 millóns en perdas os primeiros anos, polo que “non ten saída ningunha económica”. Por iso, a “única solución que se ve é a venda”, pero incide en que “ten que realizarse polo Goberno e a Xunta vixiando todo o proceso, sendo parte e os responsables en calquera decisión final de venda”. “Non podemos permitir que sexa Alcoa quen decida a quen vende”, pois “o máis importante é buscar viabilidade a longo prazo”.

Paralelamente, os representantes dos traballadores requiren a creación inmediata dunha mesa técnica que aborde a urxencia das tramitacións das ampliacións da balsa de lodos (DBR) e parques eólicos, con técnicos de ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, así como das consellerías de Industria, Medio Ambiente e Sanidade da Xunta. Pola súa banda, Lorenzana expón que tanto o comité como a Xunta emprazaron a Alcoa a que “continúe no cumprimento do acordo” e execute os investimentos, principalmente o forno de ánodos, que “son imprescindibles para garantir viabilidade e competitividade da fábrica”.

A conselleira avisa de que é “moi importante” que se cumpra coa “garantía económica feita para que se poida cubrir ese investimento no caso de que non se chegase a realizarse”, ademais para un futuro comprador que “colla a compañía na mellor das condicións posibles”. Deixa claro que estarán “vixiantes” para que se garantan o “mantemento” da actividade industrial e os postos de traballo.

GOBERNO: “O COMPRADOR DEBE TER VOCACIÓN DE PERMANENCIA”

A secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, explicou que “se abriu unha nova opción que é a que puxo a empresa enriba da mesa que é unha posible venda de Alcoa a calquera outra empresa”. Subliña que Xunta e Goberno analizarán o proceso de venda, no que o Ministerio de Industria vai “participar activamente” desde o Ministerio de Industria con este proceso. “Si que deixamos claro por parte do Ministerio de Industria que hai unha condición importantísima e é que o futuro comprador, se é que o hai, ten que ter moi claro unha vocación de permanencia”, asevera Torró, de forma que a produción “siga en Galicia”.

ÚLTIMAS

José María Leal: “O marqués de Sargadelos foi socio de corsarios”

-A súa palestra sobre 'pirataría ao corso' fala sobre dúas figuras que se confunden...

Tres acusados dun homicidio imprudente en Alcoa en 2017 aceptan un ano de prisión e un cuarto enfróntase a dous anos

Catro persoas sentáronse este mércores no banco dos acusados do xulgado do Penal 2...

O propietario de Sargadelos volve pedir o peche das instalacións

O dono de Sargadelos, Segismundo García, criticou aos sindicatos que este martes se reuniron...

Ribadeo licitará as obras de mellora en dous pavillóns deportivos

Ribadeo licitará nos vindeiros días as obras de mellora en dous pavillóns deportivos: o...