InicioCentralBurelaJairo Campo: "O máis complicado para min foi compaxinar ser xogador e...

Jairo Campo: “O máis complicado para min foi compaxinar ser xogador e presidente do Burela”

Jairo Campo é xogador e...presidente da Sociedade Deportiva Burela. Un dos dous casos coñecidos, xunto co Monterroso, de ter na presidencia e no campo de xogo á mesma persoa. Ademais, é adestrador de fútbol sala feminino infantil e profesor no Virxe do Carme. Todo isto xunto fai del unha persoa cunha axenda organizada de tal maneira que poida compaxinar un traballo e outro. Di estar acompañado dun excelente equipo de persoas que lle permiten levar adiante as súas tarefas en todos os terreos e sente orgullo do crecemento do fútbol sala feminino.

Publicada o

- Advertisement -

-Como foi o camiño até chegar á asunción da presidencia do Burela?

Ese ano, 2002, collín a coordinación da base do Burela porque non había ninguén á fronte. Álex García, o presidente, falou comigo porque ese mesmo ano non houbera liga en Primeira Rexional. Daquela eu estaba no Ribadeo mais volvía para o Burela. Ao final da tempada, Álex dixo que o deixaba por saturación. Non quixemos abandonar o proxecto así pois, con xogadores e outras persoas animeime e xa levamos dous anos de aventura.

-Sentías algún medo cando chegaches á presidencia?

Non, realmente non. O máis complicado para min, ou eu sabía que ía ser complicado, era compaxinar ser xogador máis presidente. Acabas sabendo todo do clube e ao final non é o mesmo estar dentro do vestiario, porque aí dentro todos somos iguais. O primeiro ano si me custou compaxinar presidencia e ser xogador mais este ano xa o levo mellor, con calma, menos presión e máis agusto.

-Tamén es adestrador de fútbol sala feminino infantil.

Si, e ademais son profesor no colexio Virxe do Carme e ao final todo está ligado. Si é certo que a presidencia non me obriga estar a pé de campo todas as fins de semana, así pois lle dedico máis horas ao fútbol sala porque me gusta máis, a iso engade que xoguei de pequeno a fútbol sala. Dedícolle máis horas a adestrar e formar o equipo infantil feminino que estar a pé de campo na Marosa. Alí no campo dedícome a facer chamadas, papeleo mais logo teño compañeiros e compañeiras que están levando moitos temas por iso digo que estou ben acompañado.

-Aínda así, como cadras as tácticas de ser presidente coa de ser xogador?

Con moita orde, centro todo o traballo luns e martes. Logo tento saber cando hai partido do Burela, cando xogo, e logo cadro o da sección feminina do Fútbol Sala Burela para poder estar tanto no partido que xogo como os partidos que dirixo esa semana. Ao final é levalo con moita orde e despois levándose ben coa xente, porque ao final xa son moitos anos e vas coñecendo a coordinadores e adestradores que saben da situación e por iso debo tratar con todos para que cadren horarios e partidos.

-Explica a sensación que sentes cando estás reunido con outros presidentes, porque non é frecuente que un xogador presida o equipo.

Non, non é frecuente. Agora mesmo só coñezo o caso de Balbino Martínez, no Monterroso, que tamén coordinaba a base e colleu a directiva este ano, certamente temos puntos en común. Logo para min non foi unha experiencia estraña, porque vivín a experiencia con Julio Cayón, que foi expresidente e xogador e compañeiro meu. Foi alguén que me fixo sentir esa pertenza ao Burela, a valorar o que temos na Marosa, aos seguidores e ao clube. Por esa parte foi doado asimilar isto.

-Como preparador de fútbol sala feminino e coa eclosión do Burela FS, hai un aumento no número de nenas que queren xogar?

Cando me chamaron, a directiva quería apostar por unha sección feminina de fútbol sala. Ao final foi un boom, fixéronse moi ben as cousas, o clube apostou por isto. Deixáronnos traballar libremente, confiaron en nós e agora temos equipos femininos en todas as categorías, unhas cincuenta xogadoras.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...