-Como foi a túa transición persoal e profesional debido á túa invidencia?
Diagnosticáronme a doenza con 13 anos, aínda que os meus país non mo dixeron, logo sóubeno aos 17 a través dun oftalmólogo nunha revisión. Foi un shock, porque era unha doenza dexenerativa e iso acaba na peor das situacións. Tocoume asimilalo mais de primeiras custoume moito, levoume uns anos chegar a facerlle fronte. Foi cando comecei a perder visión e tiven que repensar a miña vida porque en enfermaría é complicado traballar se non ves, sobre todo a nivel asistencial. Un pouco á forza, tocoume espabilar e traballar en varias cousas que só me aportaban cartos mais nada persoal nin profesional, decidín marchar a Madrid, facer segunda carreira. Foi como romper todo o anterior botar para adiante e afrontar a vida como viñese. En Madrid fixen a carreira de Fisioterapia na Escola de Fisioterapia da ONCE. Coñecín moita xente e tamén estar alí axudoume a afrontar a situación e descubrir que a vista é un órgano importante, mais non é imprescindible. Así foi como redirixín a miña vida.
-Antes traballabas de enfermeira, dixeches.
Si, mais exercín durante moi pouco tempo, dous meses, porque eran cousas moi pequenas e á parte tiña medo a cousas como dar a medicación e por iso non me setía capacitada para afrontar ese traballo.
-Cando te decidiches por fisioterapia, que te moveu a elixila?
Pois que era unha carreira de ciencias da saúde, dixen: “imos probar”. Fun a Madrid como de proba porque non me gustan as grandes cidades, e ao final dixen si, todo o mal sexa volver facer as maletas e volver para a casa. Finalmente, gustei e acabei a carreira.
-Como foi o teu percorrido profesional para chegar a Foz?
Foi un tanto tormentoso porque desde as empresas aínda non están preparados para recibir traballadores con algunha discapacidade. Costoume moito encontrar traballo, e aí tiven que coller o que ninguén quería, así dei moitas voltas para encontrar un traballo a xornada completa e ao final, antes de vir para aquí eu estaba en Alicante, levaba anos fóra de Galicia e quería volver. Daquela xurdiu unha oferta de traballo en Foz, apliquei, vin para aquí, por cuestións de conciliación cambiei a primeira clínica na que estiven e agora estou noutra.
-Ás veces acodes a colexios para falar sobre superación, como son estes encontros?
Cando me chaman persoas coñecidas que traballan en colexios como en institutos, interésalles que conte a miña historia. Se non é contar a miña historia é contar como fago coa lecto-escritura, como me desenvolvo e como levo o meu can guía. Son historias para que a xente vexa historias diferentes, outras realidades porque cando as persoas que teñen todas as capacidades e ven alguén con unha discapacidade, é algo excepcional. Aos profesores gústalles, e a min tamén me gusta, que os mozos e mozas coñezan a miña forma de vida e así ven outras maneiras de desenvolverse na vida. Tamén aprenden como se pode axudar a unha persoa con invidencia cando o necesita. É facer ver como me desenvolvín e poidan ver unha realidade diferente ás das súas.
