Os equipos de Emerxencias continúan traballando na extinción dun incendio declarado hai máis de 14 horas no baixo dun edificio da rúa Carlos III de Ribadeo .
O lume iniciouse a media tarde deste mércores e, desde entón, diferentes grupos de intervención traballaron para sufocar as chamas e refrigerar a zona. Non se rexistraron feridos, pero a imprenta situada no baixo do inmoble quedou totalmente destruída.
Este xoves, os bombeiros continúan apagando focos aínda activos e refrixerando, e será necesario retirar cascallos. Destas tarefas ocúpanse os efectivos de Barreiros, despois de que se haxan ido retirando progresivamente varias dotacións que acudiran doutros parques, mesmo desde Asturias, para cooperar nas tarefas de extinción.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, tratouse dunha intervención “complexa”, que congregou en Ribadeo a equipos dos parques de Vilalba, Varres (Asturias) e do Distrito Forestal da zona, ademais de Protección Civil de Ribadeo, debido á gran carga térmica adquirida polo incendio e á proximidade de vivendas (algúns veciños foron desaloxados e outros confinados).
A empresa, pola súa banda, quixo expresar o seu “profundo agradecemento” a través dun comunicado pola “inmensa onda de apoio e solidariedade” recibida por parte da comunidade, compañeiros do sector e clientes nas últimas horas.
