A Garda Civil detivo esta semana a un veciño de San Cibrao, Cervo, de 20 anos de idade, con antecedentes policiais, como presunto autor de varios delitos cometidos na localidade e que xeraran gran alarma social.
Os axentes atribúenlle un delito de roubo con forza nunha escola infantil, tres roubos con forza no interior de turismos (dous deles en grao de tentativa), un delito de furto no interior doutro vehículo, un delito de lesións e un delito continuado de danos no mobiliario urbano.
Os feitos remóntanse a principios de abril, cando comezaron a rexistrarse en San Cibrao diversos actos delituosos e actos vandálicos. No caso da escola infantil, forzouse a porta de acceso e subtraeuse un computador portátil valorado en 1.400 euros, ademais de producirse danos materiais.
En días posteriores, detectáronse varios vehículos coas fechaduras forzadas en diferentes rúas de Cervo, e dos que se subtraeron diversos efectos.
Con respecto ao delito de lesións, produciuse o pasado 16 de abril no interior dun edificio, onde o agora detido agrediu a un sexagenario, causándolle jeridas en cara e brazo. A intervención dun veciño, que retivo ao mozo ata a chegada dos axentes, permitiu a súa detención.
Paralelamente, investigáronse varios danos en mobiliario urbano, por valor duns 3.600 euros, como retirada e derriba de sinais de tráfico, pintadas en instalacións deportivas ou a queima dun colector, que provocou un incendio preto dunhas vivendas e requiriu a intervención dos bombeiros.
A investigación iniciada polos axentes permitiu determinar un denominador común a todos os feitos, situando ao detido como principal sospeitoso, tras a coincidencia das descricións achegadas por vítimas e testemuñas. En varios dos casos foi sorprendido no lugar dos feitos ou nas súas inmediacións.
Fontes da Comandancia confirmaron que o investigado ten numerosos antecedentes por feitos de similar natureza en distintas localidades da Mariña Lucense, así como no occidente asturiano e noutras zonas do territorio nacional.
