Dúas persoas resultaron feridas e unha delas tivo que ser excarcerada tras un accidente entre dous vehículos na N-642, ao seu paso pola parroquia de Fozouro, en Foz.
Segundo a información do 112 Galicia, o suceso ocorreu sobre as 12.35 horas deste mércores e foi un particular implicado no accidente o que deu a voz de alarma.
Desta forma, indicou que había un vehículo envorcado e a posibilidade de que houbese unha persoa atrapada no interior dun dos vehículos implicados no accidente.
A central de emerxencias avisou aos Bombeiros de Barreiros, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Policía Local, á Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.
Unha vez no punto, os equipos de emerxencias confirmaron que tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar ao condutor do turismo que envorcou. Os dous condutores foron trasladados en ambulancia o centro hospitalario de referencia.
