Dúas persoas faleceron na noite deste pasado martes logo de caeren nun coche ao río Eo no concello asturiano de San Tirso de Abres. Segundo informa a Garda Civil da Zona de Asturias, o sinistro aconteceu sobre as 23:25 da noite no quilómetro 0 670 da estrada ST-1.
A Garda Civil sinala que o feito consistiu nunha saída de vía pola marxe dereita que levou a unha colisión coa marxe dunha beirarrúa e logo contra unha baranda. A continuación o vehículo caeu no río Eo co resultado da morte dos dous ocupantes.
O vehículo, un modelo pick-up, foi retirado do río con axuda dun tractor. Os ocupantes, pola súa banda, foron rescatados por persoal de mergullo de Bomberos de Asturias debido a que os corpos non estaban dentro da pick-up que tiña as portas abertas. O primeiro corpo apareceu ás 01:49 horas e o segundo ás 02:14.
Os falecidos son un veciño de Vegadeo (A Veiga) de 39 anos que ía no asento de diante e o outro falecido era un veciño de San Tirso de Abres de 36 anos. As pescudas da investigación serán trasladadas ao Xulgado de Instrucción de Castropol.
O Concello de San Tirso de Abres declara tres días de loito oficial o 29, 30 e 31 de agosto.
