InicioSucesosAs mozas violadas en Viveiro aseguran que viviron "en shock" esa noite

As mozas violadas en Viveiro aseguran que viviron “en shock” esa noite

Os acusados din que as relacións foron "consentidas" e que una denunciou para "ocultar a infidelidade" a súa parella.

Publicada o

- Advertisement -

O xuízo contra dous homes acusados de violar, na casa dun deles, a dúas mozas ás que acababan de coñecer nun pub de Viveiro en setembro de 2021, quedou este martes visto para sentenza tras prestar declaración ante a xuíza as denunciantes, os dous imputados e un bo número de peritos e testemuñas dos feitos.

O Ministerio Fiscal ratificouse na súa petición inicial dunha pena de 12 anos de cárcere para cada un os procesados, 10 anos de liberdade vixiada e a prohibición de achegarse ou establecer contacto coas denunciantes por un período de tempo de 20 anos. As acusacións particulares subscribiron a cualificación da Fiscalía pero elevaron de 6.000 a 24.000 euros a indemnización solicitada para cada unha das vítimas, mentres que as defensas interesaron a libre absolución.

Os acusados, en situación de liberdade durante todos estes anos tras non adoptarse contra eles ningunha medida cautelar logo de prestar declaración no xulgado, foron os primeiros en ofrecer o seu testemuño na Audiencia Provincial de Lugo.

O primeiro deles, o titular do inmoble onde tiveron lugar os feitos a madrugada do 4 de setembro de 2021, acusado, de acordo ao recollido no escrito de cualificación do Ministerio Fiscal, de “penetrar vaxinalmente” a unha das denunciantes no seu dormitorio, agarrándoa do pescozo para “neutralizar calquera tipo de defensa” e “facendo caso omiso á vontade” desta, cualificou o acto sexual como “totalmente consentido”.

O home, veciño da localidade de Viveiro, que convidou ás dúas mozas a continuar a festa no seu domicilio en compañía dun amigo –o outro imputado– tras pechar o bar de copas no que se atopaban, insistiu na súa inocencia e subliñou que ambos os procesados se personaron “voluntariamente” en comisaría o día posterior aos feitos.

A mesma liña argumental mantivo o outro dos acusados, veciño tamén do municipio de Viveiro pero para quen a Fiscalía solicitou “a expulsión do territorio” logo de cumprir en España “parte da condena” por non atoparse en posesión dos dereitos de cidadanía.

O home, acusado tamén o escrito fiscal de “forzar” á outra das denunciantes a manter relacións sexuais no salón do domicilio a pesar da negativa manifesta desta, negou que a vítima lle solicitase “parar” en ningún momento, así como a existencia de penetración durante o transcurso dos feitos. O imputado referiu tamén ante a xuíza que a acusación de violación foi formulada pola moza para “ocultar a infidelidade” á súa parella.

“QUEDEI PARALIZADA”


Tras a declaración dos acusados tomaron a palabra ante a xuíza, protexidas por un biombo, as dúas denunciantes, de 20 e 23 anos de idade. A primeira delas acusou ao seu presunto agresor de conducila cara á habitación e, unha vez dentro do dormitorio, empuxala cara ao colchón e obrigala a manter relacións sexuais situándose encima dela con todo o peso do seu corpo.

“Tentei resistirme e levantarme pero non era posible xa. Quedei paralizada, en shock. Non puiden gritar nin dicir nada porque tiña medo a que me puidese facer algo. Ao saír da casa sentíame mal, sentía noxo, ansiedade e desde entón teño medo a saír de casa soa”, declarou.

A outra moza, que afirmou non lembrar “con nitidez” o sucedido aquela noite por todo o tempo transcorrido desde entón e por atoparse tamén naquel momento “en estado de shock”, asegurou ante a xuíza que pediu ao imputado que cesase na súa actitude. “Só lembro estar a chorar e pedirlle que parase. No momento no que unha di que pare, que xa é suficiente, non fai falta dicir nada máis“, expuxo.

PROBAS PERICIAIS

Tamén tomaron parte na vista celebrada este martes na Audiencia Provincial de Lugo catro peritos e catro testemuñas presenciais dos feitos.

Os letrados da defensa, pola súa banda, centraron os seus discursos en tratar de resolver as “incongruencias” existentes nas declaracións realizadas polas denunciantes ao longo de todo o proceso e fixeron fincapé en que as exploracións xinecolóxicas realizadas ás mozas tras o sucedido non arroxaron “signos de violencia”. “Non se apreciaron marcas, nin hematomas, nin erosións nesas exploracións“, puntualizaron.

ÚLTIMAS

Alcoa analiza ofertas non vinculantes de posibles compradores

Alcoa atópase analizando ofertas non vinculantes de "potenciais interesados" recibidas polo complexo de San...

‘El Pequeño Nicolás’, absolto do delito de usurpación de funcións e suborno durante a súa viaxe a Ribadeo en 2014

O Tribunal Supremo (TS) acordou absolver a Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como 'El Pequeño Nicolás',...

Remolcan ata Burela un veleiro francés con dous tripulantes

Un veleiro francés, 'Bleiz Ar Mor', con dous tripulantes a bordo, foi remolcado este...

O Concello de Foz envía un comunicado sobre a prestación do servizo da residencia

O Concello de Foz envía un comunicado de prensa sobre a prestación dos servizos...