IniciosociedadeXunta e TSXG relegan o reclamado terceiro xulgado de Viveiro

Xunta e TSXG relegan o reclamado terceiro xulgado de Viveiro

A Comisión Mixta inclúe a creación dunha terceira sala no partido xudicial viveirense entre as peticións ao Ministerio, pero prioriza outras unidades

Publicada o

- Advertisement -

A Comisión Mixta de Xustiza, presidida por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), e polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acordou esta mañá solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación do Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña e dúas prazas de maxistrado/a da orde xurisdicional civil en Lugo e Ourense. Deste xeito, Goberno autonómico e TSXG relegan unha vez máis a creación dunha terceira sala en Viveiro, reivindicación dos traballadores e tamén das forzas políticas da corporación viveirense, que é considerada “necesaria” pero que non se prioriza.

Os membros dos Xulgados de Viveiro consideran acreditada a necesidade dunha terceira sala. Nos últimos anos alertaron da elevada pendencia, especialmente no tocante aos asuntos civís. En agosto do 2020, o Consello Xeral do Poder Xudicial alertaba dunha scarga de traballo do 161% por riba do módulo establecido neste eido -isto é, os funcionarios asumen un 61% máis de tarefas das que poden realizar-. En setembro dese mesmo ano, un informe dos propios profesionais alertaba de atrasos “de máis de 30 días”.

Tanto o pleno de Viveiro, a solicitude da alcaldía, como o propio Parlamento galego, a petición do BNG, reclamaron a creación dun terceiro xulgado para o partido xudicial, que atende casos dos municipios do Vicedo, Ourol, o propio concello viveirense, Xove, Cervo, Burela e Foz, isto é, unha poboación cercana aos 45.000 habitantes -isto é, máis do 60% dos residentes na comarca da Mariña-.

CONSIDÉRASE UNHA DOTACIÓN “NECESARIA”, PERO NON PRIORITARIA

Esta petición da Comisión Mixta faise en base á comunicación que o Goberno central remitiu á Xunta de Galicia, onde expón que está prevista a creación na comunidade de tres novas unidades xudiciais correspondentes ao ano 2021.

Xunta e TSXG solicitan “a creación, sen unha orde determinada, dun novo xulgado Mercantil na Coruña, xa que na actualidade os dous existentes asumen unha carga de traballo dun 220% por encima do módulo establecido, segundo os últimos datos facilitados polo propio Ministerio. Ademais, acordouse demandar unha praza máis de maxistrado na Audiencia Provincial de Lugo e outra na de Ourense, en ambos os casos nas seccións civís. Na actualidade, estes órganos, que xa se atopan reforzados con comisións de servizo, asumen unha carga dun 164% e dun 181%, respectivamente, por encima do módulo”, argumentan.

“O pleno da Sala de Goberno do TSXG considerou o pasado venres necesarias, por esta orde, a creación das seguintes unidades: o Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña, unha praza máis de maxistrado da orde civil nas Audiencias de Lugo e Ourense, un novo Xulgado do Social en Ferrol, un Xulgado de Primeira Instancia na Coruña e outro en Vigo e unha praza máis de maxistrado da orde penal nas Audiencias Provinciais da Coruña e Pontevedra, así como a posta en marcha de novos xulgados mixtos nas localidades de Viveiro, Vilagarcía, Ribeira e Carballo. Destas unidades, que son as que se consideran necesarias para Galicia, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo e cuxa pendencia é máis elevada”, conclúe.

ÚLTIMAS

Detido en Ribadeo o presunto autor dun roubo con forza na casa dun familiar

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Ribadeo un veciño de Trabada, de...

A Carreira de Reis en Barreiros recadou 600€ para a asociación Saúde Mental A Mariña

A Carreira solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, logra recadar 667 euros...

Balance positivo de ACISA da XIV Festa do Comercio en Ribadeo

Acisa fai un balance moi positivo da XIV Festa do Comercio, que reuniu o...

O 2 de marzo partirá de Ribadeo a IV Edición da Peregrinación ‘O Camiño do Mar Concello a Concello’

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O...