IniciosociedadeO ascensor do Gregorio Sanz está operativo tres meses despois da protesta...

O ascensor do Gregorio Sanz está operativo tres meses despois da protesta das familias

O Concello multou con 600 euros á Xunta por facer a obra sen licenza e afirma que recibiu "cifras diferentes" sobre o orzamento das actuacións; o PP atribúe o atraso ao goberno local

Publicada o

- Advertisement -

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, anunciou a través dun comunicado de prensa que o ascensor do colexio Gregorio Sanz xa foi dado de alta e está a funcionar. A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do centro reclamara ás Administracións a principios do pasado mes de setembro que asumisen a “responsabilidade” ante a imposibilidade de que un alumno que se move en cadeira de rodas poidese recibir aulas no espazo previsto inicialmente para o seu curso.

Tralas críticas formuladas polo Partido Popular, que atribuíu ás “cargas burocráticas” do Concello a inoperatividade do elevador cando a obra estaba rematada, o rexedor defendeu que o Concello actuou “coa celeridade administrativa máxima e con absoluta dilixencia”, a pesar de que a Xunta de Galicia “iniciou as obras sen contar coa correspondente licenza e de que cambiou varias veces o investimento a realizar”. Suárez Barcia recoméndalle á Consellería de Educación “que revise todo o expediente”.

O alcalde ribadense manifestou que “despois dunha desagradable situación de falta sobre todo de “coordinación” entre administracións, así como dunha “inxerencia e manipulación política que abochornaría a calquera”, o servizo está activo. “En todo este tempo”, defende o rexedor, “o Concello mantivo unha disposición absoluta de colaboración leal así como de impulso e de celeridade administrativa máxima, unha vez que tivemos coñecemento formal das obras feitas”.

Suárez Barcia lembrou que “todos os Concellos, non só o de Ribadeo, só temos a obriga de mantemento e conservación nestes centros de Primaria polo que non facemos actuacións de infraestruturas, pero loxicamente os Concellos si temos a competencia para outorgar as licenzas de obra de calquera infraestrutura que se faga no noso termo municipal, xa sexa dun particular ou dunha Administración pública como é o caso. Actuamos coa única misión de garantir a seguridade”, argumentou.

UN NENO EN CADEIRA DE RODAS NON PODÍA ACCEDER Á AULA PREVISTA PARA O SEU CURSO

“Tal e como se nos requiriu desde a Xunta e, logo de pedir orzamentos a varias empresas cualificadas para tal fin, démolo de alta e farémonos cargo do seu mantemento mensual. Ademais disto, quero recordar tamén que desde o Concello tivemos que actuar co Goberno autonómico como con calquera outro particular que fai obras sen licenza, de aí que tivésemos que incoar un expediente sancionador que rematou coa proposta de sanción que se eleva a máis de 600 euros”, precisou.

Suárez Barcia engadiu que “tamén quixera facer dúas apreciacións que lle quero indicar á Consellería de Educación para agora e para o futuro. Para agora é que as autoridades competentes en Educación de Lugo, ou incluso quizais os seus responsables superiores, deberían revisar todo este expediente con maior detemento, pois chaman moito a atención as diferentes cifras que se nos foron comunicando sobre o custo real do ascensor, non vaia ser o demo que as citadas non se correspondan co que realmente se ten indicado por escrito”, manifestou.

O deputado autonómico e concelleiro do PP ribadense, Daniel Vega, acusara ao goberno local do BNG de “poñer atrancos para a súa posta en funcionamento. Néganse a dar de alta a instalación en Industria a nome do Concello que é o seu titular, segundo a normativa vixente; e, pola contra, pídenlle á consellería de Educación dala de alta ao seu nome”, argumentaba.

510.000 EUROS PARA A REFORMA DO CENTRO

Vega e Suárez Barcia tamén polemizaron sobre o anuncio do primeiro no tocante aos orzamentos da Xunta, de que as contas autonómicas reservan 510.000 euros para unha reforma do Gregorio Sanz, “despois de que tanto o equipo directivo coma a ANPA e moitos pais e nais de alumnos do colexio nos trasladaran en distintas reunións a necesidade de actuar para á súa mellora”.

Vega atribuíu á formación conservadora a cantidade orzamentada pola institución pública: “traballando día a día podemos conseguir moitos investimentos para Ribadeo na procura da mellora dos servizos e da calidade de vida dos nosos veciños”, afirmou.

“A verdade é que nos alegramos porque por fin, despois de 45 anos de funcionamento deste centro, vai ser a primeira vez que a Xunta acometa obras de envergadura, desde logo que era sen tempo xa. Pero o que si agardemos que desta volta fagan o que calquera cidadá particular fai, que é presentar o proxecto e pedir licenza antes de iniciar as obras co fin de evitar problemas a terceiros polo mal funcionamento das administracións, como foi neste caso do ascensor”, concluíu o rexedor.

ÚLTIMAS

O PP ofrece unha suba importante de votos na Mariña segundo os datos do 18F

Galicia é diversa. A nosa terra é un territorio onde nada ten que ver a...

Cervo recupera a panorámica da Atalaia derrubando parte do esqueleto dun edificio

O Concello de Cervo inicia este ano 2024 acadando un obxectivo ambicioso perseguido desde...

A concelleira de Cultura de Foz cre que o PP quere acabar co Entroido

A concelleira de Cultura en Foz, Inés López Couto, manifesta que “os intereses partidistas...

O TS estuda este mércores o recurso da defensa da viaxe de ‘El Pequeño Nicolás” a Ribadeo

O Tribunal Supremo (TS) estudará este mércores o recurso que presentou a defensa de...