IniciosociedadeA pista multideporte cuberta, un comodín de ocio para o centro de...

A pista multideporte cuberta, un comodín de ocio para o centro de día San Aníbal, único na Mariña

Arredor de 40 nenos e adolescentes beneficiáronse da mellora das instalacións que ostentan as Fillas do Divino Celo-Rogacionistas en Burela

Publicada o

A creación dunha pista multideporte cuberta para o centro de día San Aníbal das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas en Burela foi unha das obras financiadas con fondos da medida Leader a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, que custeou arredor do 83% das actuacións, cun importe total de 78.900 euros. Os traballos, rematados desde o pasado mes de decembro, completáronse co arranxo da zona de xogos infantís e do xardín, patrocinados pola Deputación de Lugo.
“Utilizan a pista, de céspede artificial e cuberta, tanto os rapaces do centro de día como os do fogar ou casa de familia, facendo tanto xogo libre como deporte dirixido. Directamente estanse a beneficiar da instalación uns 38 rapaces, os 28 do centro de día e dez no fogar. A maioría teñen de oito a 18 anos de idade. Proveñen de Burela e Foz principalmente, pero tamén de Cervo, Xove e Ribadeo“, explica o formador Jesús Iglesias.
“A pista é moi importante para adquirir hábitos saudables. Antes pediamos espazos aos Concellos ou ao colexio, deste xeito dispoñemos dela libremente”, indica. Unha situación que se fai especialmente importante coas limitacións que impón a pandemia. “Agora mesmo, sen poder saír do municipio, teriamos moi poucas alternativas, A Marosa ou o Monte Castelo. Deste xeito podes xogar calquera tipo de deporte, baloncesto, voleibol, fútbol sala… É igual que chova ca que non. Tantas alternativas nos ofrece que nós incluso faciamos as visitas aí no confinamento, era máis seguro que nun lugar pechado. Foi algo providencial”, sostén.

UN FOGAR E UNHA ALTERNATIVA AO INTERNAMENTO

Iglesias explica os servizos que ofrecen tanto o centro de día como o fogar. “O centro de día das Fillas do Divino Celo é o único que hai na Mariña. Algúns centros de menores contan con algunha praza, pero non ofrecen este servizo. No fogar viven os rapaces tutelados, aos que se declarou en desamparo por parte da autoridade xudicial ou a Administración, que poden coñecer un ambiente familiar. No centro de día préstase un apoio ás familias, é unha alternativa para evitar o internamento. Veñen durante o día e de noite volven á casa”, expón.

Á PROCURA DA AUTONOMÍA

“No centro de día, cada neno conta cun educador. Son grupos pequenos, entre cinco e sete rapaces por cada un, que traballan todos os aspectos da vida diaria, así como o reforzo escolar e o xogo. O fogar está centrado na emancipación, na inserción laboral e formativa; estudan FP e Bacharelato. Búscase adquirir unha autonomía. No fogar son todos españois, mentres que no centro de día un 30% teñen pai ou nai ou os dous estranxeiros”, afonda.

A OCUPACIÓN, SEMPRE POR RIBA DO LÍMITE

Uns servizos para os que nunca falta demanda. “Con respecto ao grao de ocupación, no centro de día hai 20 prazas e son 28 rapaces, e levamos así meses. No fogar temos oito prazas e levamos cinco anos con entre dez e once. Sempre superando un 30% a demanda. Por sorte as instalacións son boas e permiten a sobreocupación”, admite Iglesias.

ÚLTIMAS

Denuncian ao condutor dun camión por superar as taxas de alcol permitidas

A Garda Civil denunciou ao condutor dun camión de mercacías perigosas ao superar as...

A Mariña en alerta laranxa por temporal marítimo este mércores

Galicia continuará este mércores baixo a influencia dun temporal marítimo que manterá activada a...

Nove anos de cadea por agredir e reter ilegamente á súa exparella en Xove

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a nove anos e sete meses de prisión...

Formación en Cervo sobre turismo slow para a Mariña

A antiga carboeira do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, en Cervo, acolleu hoxe...