IniciosociedadeFoz quere reformar o fogar do xubilado para recuperar o bar e...

Foz quere reformar o fogar do xubilado para recuperar o bar e acoller de novo os maiores

O Concello comprométese a proporcionar un emprazamento alternativo á Asociación de Discapacitados Virxe do Carme, que actualmente ocupa as instalacións

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz anunciou a través dun comunicado de prensa que reformará as instalacións do fogar do xubilado para construír unha rampla de acceso á residencia. Esta actuación, cun orzamento de 37.000 euros con cargo ao Plan Único, foi presentada o pasado xoves polo alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo. Ademais, avanzou a súa intención de realizar unha reforma integral que inclúa recuperar o bar do centro social, para o que deberá buscar un emprazamento alternativo á Asociación de Discapacitados Virxe do Carme.

A CONSTRUCIÓN DUNHA RAMPLA DE ACCESO PARA A RESIDENCIA COMEZARÁ “EN SEMANAS”

No tocante á construción da rampla, Cajoto concretou que as obras comezarán “en breves semanas”, e que coa actuación “permitirase establecer un camiño peonil para que os usuarios da residencia se podan achegar de forma segura ao centro da vila”, a fin de que, unha vez resolta a crise sanitaria, “poidamos non só manter se non potenciar as relacións sociais”.

Neste sentido, salienta que “cremos moi necesario recuperar o bar do centro social, que foi abandonado polo anterior goberno, o fogar do xubilado, para que os nosos maiores teñan un sitio onde encontrarse e que sintan como seu. Para iso é necesario facer unha reforma integral para que, unha vez sacada a licitación a concesión pública, o adxudicatario poda exercer a actividade con todos os requisitos que se esixen hoxe en día”, expuxo.

Pola súa banda, Rojo destacou “o gran traballo que está a realizar a Asociación de Discapacitados Virxe do Carme, colectivo que ocupa actualmente as dependencias que reverterán de novo no fogar dos xubilados. O labor que realiza esta asociación é máis que loable, é fundamental: está conseguindo que veciñas e veciños de Foz cunha discapacidade intelectual se sintan integrados, útiles, queridos”, explica.

CAJOTO CONCRETA QUE “ESTASE A ULTIMAR” O PROXECTO DA REHABILITACIÓN

Neste sentido, Cajoto argumenta que “antes de facer calquera obra nas dependencias que actualmente ocupan, o compromiso do Concello é proporcionar a este colectivo unha ubicación alternativa e adecuada ás súas necesidades, para o cal estamos en contacto fluído coa Asociación Virxe do Carme. De forma paralela o Concello encargou o proxecto de acondicionamento e reforma do fogar do xubilado que se está a ultimar”, precisou.

O alcalde explica ademais que “as instalacións actuais están desfasadas e contraveñen a normativa de accesibilidade en varios puntos. A este respecto o novo bar contará con zona interior e exterior, cunha terraza nunha situación privilexiada de Foz. Que os nosos maiores podan gozar dunhas vistas fabulosas sobre o peirao é un auténtico luxo. E xa entramos tamén no aspecto sentimental, porque Foz sen mar, sen peirao, sen pesca, sen a súa tradición mariñeira, non sería Foz”, engade.

BUSCA DE FONDOS

Un acceso completamente independente deste o exterior -fundamental para que o local realmente funcione- e uns aseos adaptados a todo tipo de minusvalía, o que non existe na actualidade, son outras das melloras previstas, segundo o goberno municipal.

“Pendentes de consignar os fondos para a execución das obras necesarias para o novo local da Asociación de Discapacitados Virxe do Carme e do fogar dos xubilados, o Concello comeza a traballar na solicitude de apoio económico á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo”, rematou Cajoto.

ÚLTIMAS

Achan en Ribadeo o primeiro exemplar dun verme invasor depredador do mexillón en Galicia

O biólogo Daniel Prieto, da confraría de pescadores de Ribadeo, localizou durante unha mostraxe un...

Investigan o furto de produtos alimentarios en dous establecementos de Viveiro

A Garda Civil de Lugo investiga en Burela a dous homes como presuntos autores...

Francisco Rois: “Miguel Ángel Revilla será o pregoeiro da 45ª Festa da Troita da Pontenova”

-Despois de corenta e cinco anos desta Festa da Troita, cales foron os cambios...

A biblioteca de Barreiros contará cun club de lectura e biblioencontros infantís

Barreiros dinamizará a biblioteca municipal organizando encontros mensuais cos que pretende fomentar a lectura...