IniciosociedadeOs últimos segadores volven a terras de Castela

Os últimos segadores volven a terras de Castela

A asociación de Órrea, en Riotorto, organiza unha viaxe ás localidades segovianas na que decenas de veciños da parroquia traballaron como xornaleiros ata a década dos sesenta

Publicada o

- Advertisement -

Oito dos últimos segadores que traballaron na seitura en Castela participarán nunha viaxe a Segovia organizada pola Asociación de Veciños e Veciñas da Órrea. O colectivo veciñal impulsa esta actividade na que os protagonistas, acompañados por medio cento de persoas máis, desandarán a ruta que segadores da parroquia riotortense, como do resto de Galicia, seguiron durante case tres séculos na busca dun alivio para as súas febles economías.

Os vindeiros 27 e 28 de outubro percorrerán algúns dos lugares nos que segaron e ataron o cereal castelá como Santa María Real de la Nieva, Ortigosa de Pestaño, onde se ubicaba a estación de ferrocarril na que se apeaban as cuadrillas, Paradina, Miguel Ibáñez ou Carbonero el Mayor.

Oito segadores participarán nesta viaxe a Segovia organizada pola Asociación de Veciños e Veciñas de Órrea

.
Nesta última localidade, os viaxeiros serán recibidos por representantes municipais e veciños que recordan esta realidade pasada. “Eu mesmo lembro aos segadores sentados nas beirarrúas ao final do día”, di Juan José Sancho, edil do municipio castelá onde a produción de cereal –“trigo e cebada, fundamentalmente”- aínda ten certo peso.

a expedición será recibida no concello segoviano de Carbonero el Mayor

“Creo que non recoñecerán o lugar sen problema porque o centro histórico apenas cambiou e algúns dos agricultores que os contrataban seguen a vivir nas mesmas casas”, aventura. Aínda que o éxodo rural tamén mudou a demografía da maioría destes municipios houtro tempo receptores de xornaleiros, en Carbonero el Mayor, que conta cunha poboación de 2.500 habitantes- a industria cárnica (secadeiros de xamón) e de materiais de construción contribuíu a fixar a poboación.

TERRA DE EMIGRANTES

A parroquia riotortense da Órrea foi unha das que máis padeceu o fenómeno da emigración. Centos de persoas partiron para a América, Europa, Euskadi ou Cataluña desde o último terzo do século XIX e durante todo o século XX, expulsados por un claro excedente de poboación, unha orografía adversa para as prácticas agrícola e unha grande escaseza de terras.

Os galegos segaron en Castela durante tres séculos, dende o XVII ata a década dos sesenta do século pasado

Esa realidade motivou tamén esta forma de migración temporaria a Castela, que se mantivo ata mediada a década dos sesenta, cando a definitiva mecanización do agro castelá rematou con esta actividade.

CUADRILLAS

Os labregos galegos organizábanse en cuadrillas, grupos que, polo xeral, estaban conformados por nove persoas, seis segadores e tres atadores. A cuadrilla era un grupo humano fortemente xerarquizado, no que cada membro tiña o seu propio rol. O grupo estaba liderado por un maioral, que ademais de ser un experto segador, era o encargado de seleccionar ao resto dos temporeiros, de buscar o traballo e de cobrar e repartir os xornais.

A estadía dos segadores en Terras de Castela duraba entre 40 e 50 días

Os segadores galegos realizaban o seu traballo en xornadas maratonianas, de sol a sol, ao que había que engadir unha climatoloxía á que non estaban afeitos e unhas condicións hixiénicas e de vida, en xeral, moitas veces penosa –durmían todos xuntos nas palleiras, enriba da palla trillada e comían nas propias leiras dun barreño común protexidos do sol abrasador por uns mollos de trigo-.

CASTELLANOS DE CASTILLA…

Así o relatan algúns dos últimos segadores en tomar parte na seitura castelá no libro Segadores da Órrea en Terras de Castela: unha historia de héroes, publicado recentemente pola Asociación. Paradoxalmente en relación coas condicións de traballo que describen, a percepción que trasmiten non é a dunha clara relación de explotación. Mais ben, falan de relacións cordiais cos labregos casteláns. En troco polo seu traballo, os segadores recibían uns xornais que, en non poucos casos, eran os únicos ingresos das familias nunha economía de subsistencia e autoconsumo.

O coñecido poema de Rosalía de Castro “Castellanos de Castilla”, inspirado nunha cantiga popular de catro versos que abren e pechan a composición, tiña daquela un século (Cantares Gallegos, 1863).

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa pide de novo a convocatoria da mesa de seguimento

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao pediu por segunda vez unha...

Terceira limpeza nas parroquias de Ribadeo

Ribadeo aposta polas parroquias e acomete nelas a terceira limpeza. O alcalde, Dani Vega,...

Inauguración e peche da primeira etapa da 12ª Marcha Ciclista Unificada

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas e Alcaldesa de Burela,...

A inscrición para a I Xincana de Orientación Vila de Ribadeo segue aberta

Segue aberta a inscrición para participar na I Xincana de Orientación Vila de Ribadeo...