IniciosociedadeA organización cancela o Resu e di "acatar pero non compartir" a...

A organización cancela o Resu e di “acatar pero non compartir” a decisión do Concello

Os promotores aseguran que o festival en formato reducido era "o máis seguro posible" e remarcan que a anulación prexudica a "provedores, obreiros, hostaleiros, técnicos e grupos"

Publicada o

- Advertisement -

A organización do Resurrection Fest cancelou a edición “XS” do festival, en formato reducido e con aforamento limitado, que se ía celebrar en Viveiro do 21 ao 30 de agosto. Os promotores anulan o evento alegando “acatar pero non compartir” as razóns do Concello de Viveiro, que cambiou a súa postura sobre o mesmo para finalmente rexeitar ceder as instalacións municipais para o encontro musical.

O goberno local asegurou a través dun comunicado que valorou “os riscos que poderían darse no exterior” para non conceder os pertinentes permisos. Malia que o aforamento nos concertos estaría limitado a un máximo de 800 asistentes, ao goberno local preocupábanlle posibles aglomeracións fóra do recinto. “Nas rúas e nos espazos públicos non sería posible garantir a seguridade”, argumentou o executivo municipal.

“É unha decisión complicada e difícil que lamentamos ter que tomar, pero fixémolo despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións. Para o concello o primeiro é a seguridade da veciñanza, vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

Non entendemos para nada a decisión, cando propoñemos a alternativa cultural máis segura que se pode facer hoxe en día, e cando se levan realizando eventos similares durante meses en toda España coas medidas de seguridade e previsión posibles”, expuxeron os organizadores a través dun comunicado pendurado nas redes sociais. As entradas comezaban a venderse mañá xoves, con Angelus Apatrida ou Crisix no programa.

SITUACIÓN “DESPROPORCIONADA E INXUSTA”

“Todos os festivais da marca Fest Galicia poideron realizar os seus ciclos de concertos seguros con aforamento reducido, como o Atlantic Fest, Ribeira Sacra, Sin Sal, ViveNigrán, SonRías Baixas ou Atardeceres no Gaiás, menos nós, o que consideramos inxusto e desproporcionado”, manifesta a nota, que incide en que “de realizarse, sería a actuación con maiores medidas sanitarias que xamais se fixo en Viveiro. Aínda así, o sector da música en directo é un dos que máis está a sufrir. A cultura demostra a diario que é segura, xa que afortunadamente non houbo ningún tipo de contaxio en ningún acto cultural dentro dos centos de concertos que se levaron a cabo e se realizan a día de hoxe”, salienta.

IMPACTO ECONÓMICO

“A nosa intención inicial propoñendo este pequeno ciclo concertos non era máis que revitalizar A Mariña, que tras a crise actual e a de Alcoa, tiña máis necesidade de alternativas que nunca. Esta decisión deixa a moitos provedores de Viveiro sen unha facturación que lles axudaría enormemente a pasar estes meses tan malos, e deixa no aire a moitos traballadores que ían axudar a realizar o evento neste ano tan negro para todos. Tamén supón un duro golpe para os hostaleiros que vían con esperanza poder mellorar os seus resultados estivais, e tamén afunde ás bandas e aos seus técnicos, que están a sufrir como ninguén os efectos devastadores das cancelacións culturais. Sen dúbida, este pau deixa á cultura e Viveiro nun peor lugar que onte”, conclúe a organización.

ÚLTIMAS

As queixas pola comida na residencia da Pontenova motivo de reunión do BNG cos usuarios

Ante as queixas xurdidas novamente na vivenda comunitaria de A Pontenova polo servizo de...

ACIAFoz sorteará unha cesta entre os clientes máis cafeteiros de 10 locais focegos

AciaFozCCA sorteará unha cesta entre os clientes máis cafeteiros de 10 locais hostaleiros. Esta...

A Garda Civil investiga a tres persoas por deliti de ameazas e inxurias

A Garda Civil investiga na localidade lucense da Pontenova os tres presuntos autores de...

Burela dá por rematadas as obras de mellora no abastecemento da rúa Lamestra

O Concello de Burela informa do remate das obras de ampliación e mellora da...