O Concello de Viveiro informa á veciñanza da suspensión da celebración da Romaría do Naseiro. O goberno local e a comisión de festas adoptaron esta decisión, considerando que “é o mellor e máis axeitado tendo en conta a situación actual”.
Desde o executivo municipal concretan que o Concello, “ao non ser o organizador da festa, non podía suspender a súa celebración directamente, pero si tiña competencias para non autorizar a súa celebración. Polo momento non había nada tramitado, porque estaba todo falado e consensuado coa comisión, á espera de valorar a evolución da situación e adoptar unha decisión ao respecto”, indican a través dun comunicado.
O goberno local “lamenta profundamente” que este ano “non sexa posible celebrar unha das festas locais máis representativas e agarda que o vindeiro ano poida novamente desfrutar con máis ganas e ilusión desta tradicional romaxe”.
No comunicado remitido á prensa, o Concello “agradece á comisión de festas o traballo realizado e manifesta o sus apoio a todas aquelas persoas que se verán prexudicadas, non só polo que o Naseiro significa a nivel festivo e de ocio, senón tamén dende un punto de vista económico, polas consecuencias da súa suspensión”.
A COMISIÓN: “OS PROTOCOLOS SON IMPOSIBLES DE CUMPRIR”
A comisión de festas do Naseiro lamentou dar a nova “que ninguén quere oír, nin nós contar. Esperamos protocolos imposibles de cumprir, polo que nos vemos na obriga de suspender a Romaría do Bo Xantar 2020″, resumiron os promotores.
A agrupación resaltou o impacto económico que ten unha celebración como Naseiro no municipio de Viveiro e nas empresas relacionadas coa verbena e a hostalería ambulante. “Pedimos perdón a toda aquela xente afectada directa e indirectamente por esta suspensión, orquestras contratadas (Fuego, Aramio, Arizona, Tatoo, Gran Casino, Suavecito e Solara), feirantes, pulperías e bares da festa, persoal de limpeza, persoal de aparcadoiros, servizo eléctrico, bus, imprenta… así como supermercados, panaderías, carnicerías, froiterías e ferreterías do noso pobo. Sentímolo de corazón e esperemos que no 2021 se poida celebrar con total seguridade”, expuxo a organización, que con todo avanzou “que estes días teremos algunha novidade“.
PROGRAMACIÓN ALTERNATIVA
O Concello de Viveiro “presentará proximamente a programación alternativa que se deseñou para o mes de agosto”, mes no que se celebra tanto o Naseiro como as festas patronais da capital municipal, “dacordo coas medidas e limitacións establecidas polas autoridades competentes e a nova normalidade”.
‘DE RUADA’ VOLVE EN AGOSTO
Por outra banda, a concellería de cultura de Viveiro retoma no mes de agosto ‘De Ruada’, a programación de música nas rúas que aposta polo factor sorpresa como medida anti aglomeracións.
‘De Ruada’, co slogan ‘cultura de rúa para a xente das rúas’, tivo que aprazarse no mes de xullo polo brote de coronavirus na Mariña e terá lugar os sábados do mes de agosto polas estradas de Viveiro, Celeiro e Covas. Cun formato de pasarrúas, pretende que a cidadanía se atope coa música por sorpresa garantizando a distancia social.
Para o mes de agosto apostouse pola cultura galega e feita en Galicia, da man de grupos como Organeta, Os Bregadiers, Cé Orquestra Pantasma e Latexo Percusión; que ofrecerán a viveirenses e foráneos unha programación que mixtura os ritmos e instrumentos tradicionais con proposta máis vangardistas e ritmos de swing, jazz e rock&roll.