IniciosociedadeAlfoz, que cumpre 800 anos como vila, e Lourenzá contarán coa súa...

Alfoz, que cumpre 800 anos como vila, e Lourenzá contarán coa súa audioguía ficcionada

A Mancomunidade, da man de Chévere, creará dous novos roteiros narrados que se suman aos dos cascos históricos de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo

Publicada o

- Advertisement -

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, en colaboración co Grupo Chévere, vén de iniciar os traballos para ampliar a oferta de audioguías ficcionadas no xeodestino. Neste caso trátase dos concellos de Alfoz e Lourenzá, con historias locais ficcionadas e un tratamento teatralizado de escenas e personaxes, configurada a partir de información recollida no territorio.

No caso de Alfoz, vaise ter en conta que o 10 de abril de 2020 cumpríronse oito séculos do fuero concedido polo rei Alfonso IX aos poboadores do enclave e, por tanto, celébrase o 800 aniversario da vila de Castrodouro, arredor da cal se creou o concello. A idea é focalizar a audioguía na contorna e no propio Castelo-Torre de Castro de Ouro.

No tocante a Lourenzá, o roteiro focalizarase na contorna do núcleo urbano de Vilanova, construído arredor do mosteiro de San Salvador, coa igrexa de Santa María e un pequeno e interesante rueiro, que dará para falar de feitos e personaxes vencellados á vila, algúns populares e outros históricos como o bispo Villaroel, o conde Osorio ou máis recentemente Xulia Minguillón e Francisco Fernández del Riego.

RECURSO TURÍSTICO

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “A Mariña Lucense foi pioneira en activar audioguías ficcionadas para os centros históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, en catro idiomas distintos: galego, castelán, inglés e francés. Agora trátase de dar continuidade ao proxecto”. Para a posta en marcha deste proxecto a Mancomunidade contou co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.

As audioguías son un soporte moi espallado no sector turístico, utilizado habitualmente para valorizar o patrimonio histórico e artístico. Son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas. Pero se estas últimas teñen que realizarse en grupo nun horario predeterminado, cun alto custe de produción e un prezo relativamente alto para o público destinatario, as audioguías ficcionadas permiten as visitas individualizadas, en parella ou grupos reducidos e sen cita previa, con custos de produción reducidos, mantemento mínimo e un prezo baixo para o público final.

RECURSO TURÍSTICO QUE SE ADAPTA ÁS ESIXENCIAS POLA COVID-19

Neste sentido, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, sinalou que “as audioguías son un instrumento perfectamente adaptado ás limitacións e ás medidas hixiénico-sanitarias provocadas pola pandemia do coronavirus, como as restricións de aforos e aglomeracións, a necesaria distancia entre persoas, a desestacionalización, as actividades ao aire libre e en movemento. Ademais, fan un tratamento distinto dos contidos das turísticas convencionais. Recóllese a información directamente da veciñanza, dáselle un tratamento ficcionado co obxectivo de crear unha narrativa ligada aos espazos visitados e convértese o paseo audioguiado nunha experiencia inmersiva emocional”, resume.

Hermida indicou que “o obxectivo fundamental é que a audioguía sirva para transmitir as historias dos espazos habitados, as pegadas que a poboación foi deixando na súa contorna, a memoria das xentes que viviron aquí, todo ese patrimonio inmaterial que corre o perigo de desaparecer xunto coas persoas: lendas, costumes, oficios, personaxes locais, festas, espazos de socialización e lugares singulares (tabernas, boticas, cines, bailes, escolas, prazas, parques, castelos…)”.

CHÉVERE, UN REFERENTE DO TEATRO ESTATAL

Chévere, compañía recoñecida co Premio Nacional de Teatro en 2014 e con 30 anos de traxectoria, iniciou hai tres anos unha investigación escénica arredor das narrativas espaciais en contornas urbanas, utilizando a comunicación sonora a través de dispositivos dixitais e auriculares para realizar visitas e paseos ficcionados por barrios e zonas históricas, adaptadas a usos turísticos.

A súa investigación aliméntase da aprendizaxe da teoría da deriva situacionista, da tradición narrativa dos paseantes e flaneurs e de toda unha serie de prácticas artísticas que borran as fronteiras entre literatura, artes visuais, códigos cinematográficos e artes escénicas. Máis información nesta ligazón.

ÚLTIMAS

As queixas pola comida na residencia da Pontenova motivo de reunión do BNG cos usuarios

Ante as queixas xurdidas novamente na vivenda comunitaria de A Pontenova polo servizo de...

ACIAFoz sorteará unha cesta entre os clientes máis cafeteiros de 10 locais focegos

AciaFozCCA sorteará unha cesta entre os clientes máis cafeteiros de 10 locais hostaleiros. Esta...

A Garda Civil investiga a tres persoas por deliti de ameazas e inxurias

A Garda Civil investiga na localidade lucense da Pontenova os tres presuntos autores de...

Burela dá por rematadas as obras de mellora no abastecemento da rúa Lamestra

O Concello de Burela informa do remate das obras de ampliación e mellora da...