IniciosociedadeCinco zoqueiros de Alfoz e Valadouro nunha exposición en Lugo

Cinco zoqueiros de Alfoz e Valadouro nunha exposición en Lugo

A mostra, que recolle o traballo de artesáns de toda a provincia, reflicte a puxanza que acadou este oficio no Val do Ouro onde se confeccionaba calzado para todo o noroeste peninsular

Publicada o

- Advertisement -

Cinco zoqueiros de Alfoz e o Valadouro da exposición “Cos pés na terra” aberta na Capela de Santa María en Lugo. Trátase dunha retrospectiva do fotoxornalista José M. Salgado que recolle o traballo de vinte catro zoqueiros e galocheiros lucenses, e que testemuña o peso que noutro tempo tivo o oficio na provincia.

No val do río Ouro, a produción de zocas acadou un desenvolvemento singular grazas a unha “certa  industrialización” do proceso de elaboración . Na segunda metade do século pasado, existían na zona máis dunha decena de pequenas fábricas que surtían deste calzado tradicional todo o noroeste penínsular.

Secundino e Alberto Geada, Jose Antonio García, Ramón González e Eduardo Rouco son os zoqueiros mariñaos na exposición

Os avatares das biografías dos zoqueiros mariñaos dan conta da evolución desta profesión ao longo dos últimos cen anos, nos que a confección de zocas pasou de ser un traballo artesán, estacional e ambulante, a empregar a decenas de persoas e, finalmente, abrirse paso como unha ocupación artística.

DO ZOQUEIRO AMBULANTE ÁS FÁBRICAS

Da remesa de  gardiáns das formas de facer tradicionais  forma parte Secundino Geada (Alfoz, 1936), quen aprendeu o oficio dun irmán maior,  que ía polas casas a facer zocas para as familias da zona. Conservou sempre a habilidade manual, pero con pouco máis de vinte anos viu as posibilidades que abría a mecanización, e entrou como socio nunha das fábricas que comezaban a funcionar na zona.

Corrían os anos sesenta, e algúns augurábanlles un final próximo ás zocas, mais quedarían décadas de esplendor na que camións cargados de calzado saían cada semana cara a Asturias. As fábricas especializáranse na producción de madreñas (con tres tacos, fronte aos dous das zocas galegas) das que tiñan maior demanda.

En Alfoz e Valadouro producíanse zocas e madreñas para todo o noroeste peninsular

Jose Antonio García (Alfoz, 1945) viviu da profesión case cincuenta anos, desde que en 1974 comezou a traballar nunha fábrica en Carballido ata que en 2010 se retirou noutra de Ferreira do Valadouro. “Eramos catro obreiros”, lembra. “Eu podía facer entre 100 e 115 pares diarios”, conta tras explicar a modernización dos talleres coa incorporación de tornos trifásicos que permitían facer dous pares de zocas. “Tiñamos que repasar un ou dous pares”. “O meu eran as máquinas. Pódoche facer un par a man pero non faría dúas iguales”, ri.

O seu fillo  mantivo o taller aberto catro ata 2014, pero acabou por pechalo. “Os clientes non pagaban como antes”, explica Jose Antonio. A maquinaria que manexaban acabo unas mans dun artesán asturiano, “da zona de Oviedo”, lembra.

“Zocas de roca”, un dos últimos modelos diseñados por Alberto Geada

ARTE COAS ZOCAS

O monopolio da producción de zocas e madreñas na Mariña quedou case en exclusiva para Alberto Geada (Alfoz, 1980), que se esmerou en abrir espazos novos para o legado que recibiu de seu pai. “Nacín entre zocas”, di, cando lle preguntamos cando fixo a primeira. “Non che sabería decir”.

Apuntaba a militar, pero un compañeiro convenceuno de seguir zoqueando. “Sabía que tiña que reinventar o oficio para seguir vivindo del, facer productos exclusivos”. En 2005, abriu un museo das zocas no barrio dos Muíños de Mondoñedo, onde se mantivo durante máis dunha década amosando a súa colección de calzado primitivo -de todas as épocas e países do mundo-, e ensinando con demostracións o vello oficio artesán.

Alberto Geada conta cuns oitenta pares de zocas e madreñas que expón no museo do Castro do Ouro

Desde 2015, transladou a súa actividade ao Castelo de Castro de Ouro. “Curiosamente, moita xente da que se achega aquí coñece xa algunhas das miñas pezas”. E que as súas zocas chegaron a museos de diferentes puntos de Europa e a pasarelas de moda como a Cibeles. “Custoume moito abrirme un camiño neste tipo de mercados, pasei anos recorrendo a xeografía nunha furgoneta, buscando as tendas nas que colocar o meu produto. As zocas deixáronse de usar como calzado de traballo pero segue habendo unha demanda que cubrir”, argumenta.

Os zoqueiros que acudiron a inauguración da exposición na Capela de Santa María, en Lugo

 “COS PÉS NA TERRA”

A exposición inaugurada esta semana na Capela de Santa María de Lugo rende homenaxe a este oficio tradicional con gran sona tamén na Terra Cha e na Montaña.  Ademais dos zoqueiros de Valadouro e Alfoz, a  mostra recolle zocas,  galochas e instrumentos de artesáns  de Vilalba,Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz, Fonsagrada, Cervantes e Navia de Suarna.

O seu legado preséntase xunto aos retratos feitos por Jose M. Salgado que permiten poñer rostro a un oficio que sucumbiu pola aparición de novos materiais a prezos accesibles e polos cambios nas formas de vida e nas paisaxes  do mundo rural pero que irmanda Galicia con outros territorios da Europa atlántica con calzados tallados en madeira icónicos como os sabots franceses ou os klompen holandeses.

“Eles (os zoqueiros) trouxeron a tradición ata os nosos días. Agora tócanos atopar fórmulas novas para  aproveitar este saber facer dalgunha maneira.  Un oficio debe servir para que polo menos algunhas persoas poidan vivir del.  Teremos que darlle á cabeza”,  conclúe Salgado.

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa pide de novo a convocatoria da mesa de seguimento

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao pediu por segunda vez unha...

A Deputación participou en Foz nun foro sobre a problemática da vivenda

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e a Deputada...

Terceira limpeza nas parroquias de Ribadeo

Ribadeo aposta polas parroquias e acomete nelas a terceira limpeza. O alcalde, Dani Vega,...

Viveiro envía máis de 3.000 notificacións para garantir a prevención de incendios nas parcelas

Co obxectivo de conservar o solo e a biomasa vexetal nunhas condicións que permitan...