A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) sorteará 10.500 euros nunha campaña que ten como obxectivo potenciar as compras nos negocios tradicionais das vilas e que durará do 16 de setembro ao 3 de novembro.
As persoas interesadas en participar deben gardar os tíckets das compras nos establecementos que secundan a campaña, para así entrar nos sete sorteos de 1.500 euros que a FCAM fará en distintas localidades da bisbarra.
Os sorteos serán en Viveiro, Covas, Burela, Ribadeo, Foz, Lourenzá e Xove. A cidade do Landro acollerá o primeiro deles, o 22 de setembro. O seguinte será en Covas, o 29. No mes de outubro celebraranse en Burela (día 6), Ribadeo (13), Foz (20) e Lourenzá (27). A campaña rematará en Xove o 3 de novembro.
A FCAM disporá unha carpa que atenderá, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30, a todos os clientes que queiran cambiar os tíckets de compra por boletos para os sorteos. A Xunta de Galicia e maila Federación Galega de Comercio colaboran con esta iniciativa.
VOLVEN OS TAPEOS
Desde o 4 de outubro volverá o Juepeo a Viveiro. Participarán na iniciativa, polo de agora, un mínimo de doce locais de hostalería. O programa inclúe sorteos entre os clientes -que recibirán unha tarxeta por cada tapa- de 200 euros en vales de compra nos locais participantes. Tamén haberá promocións de entradas para cine.
Antes, nas dúas últimas fins de semana de setembro, celebrarase unha ruta de tapas con produtos do medio mariño dentro do programa de Vivemar.
En Burela regresaron xa os Juernes, que se prolongarán durante o outono, o inverno e a primavera. Sete negocios da vila ofecen tapas a dous euros, co atractivo dun sorteo de 350 euros cada mes.
TEATRO EN VIVEIRO
O Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro (CCHV) impulsa este sábado, 15 de setembro, unha obra de teatro a cargo do grupo Ardora. A compañía cervense interpretará ‘Amor filial‘ nunha actividade que se enmarca dentro do ciclo Buxiganga da Deputación de Lugo. Será desde as 20.30 horas, na Praza da Fontenova.