IniciosociedadeO comercio: "necesitabamos o contacto coa xente e abrir foi unha pequena...

O comercio: “necesitabamos o contacto coa xente e abrir foi unha pequena luz no medio do túnel”

Negocios como perruquerías, tendas de deporte ou centros de estética comezan a funcionar con cita previa e medidas de protección

Publicada o

- Advertisement -

Perruquerías, centros de estética, de fisioterapia ou tendas do pequeno comercio foron abrindo desde o pasado luns na Mariña Lucense tras declararse a fase 0 da desescalada. Os primeiros clientes achegáronse con normalidade aos negocios, sempre con cita previa para evitar aglomeracións e conter a propagación do coronavirus.

Este xoves foi o primeiro de traballo desde que se decretou o estado de alarma en Estética Marta, de Xove. O negocio tivo que adoptar algunhas medidas de seguridade a fin de evitar riscos.

CITA PREVIA E ENTRADA CON TIMBRE

“Pechamos a porta para que os clientes accedan con timbre, posto que nos salóns de beleza temos cabinas pechadas e non podes controlar a entrada. Puxemos unha primeira zona para desinfectar as solas dos zapatos e xel hidroalcólico, recomendamos vir con luvas e máscaras”, indica a dona do establecemento, Marta Louzao.

As citas teñen unha separación a nivel de horario de quince minutos, “para poder desinfectar”.

ELEMENTOS DE PROTECCIÓN

Dentro das cabinas, “os profesionais traballamos cunha máscara FP2, ou cunha pantalla, e en determinados servizos coas dúas cousas. Se facemos un facial, a clienta non leva máscara, polo que nese momento utilizamos os dous elementos de protección. Iso non é cómodo e agobia, pois é un traballo que require precisión”, sinala.

Outros tratamentos de beleza, como “a depilación con fío, na que nós non podemos ter máscara nin tampouco a clienta, estando a dez centímetros de distancia, quedou descartada. É o único servizo que non podemos facer”, concreta Louzao.

SEN OCOS LIBRES ATA O 20

A empresaria xovense asegura que a xente “está a vir con normalidade, non notamos que haxa un medo especial”. De feito, sinala, na súa axenda non hai ocos libres “ata o 20 de maio“.

A RENTABILIDADE DOS NEGOCIOS, NO AIRE

Con todo, a situación actual fai resentirse á rentabilidade dos negocios.”Nun tratamento facial, no que hai moitos momentos de espera, en media hora de intervalo facía outro servizo, agora non se pode. Obviamente, iso na caixa da noite nótase. O balance a final de mes non se vai parecer a un maio dos anos anteriores“, lamenta Louzao.

A incerteza sobre o que traerán os vindeiros meses “é total” nos negocios, admite a empresaria: “Non temos nin idea de cando poderemos ter unha certa normalidade”. Con todo, amósase positiva. “Isto é todo empezar, e irémonos acostumando”, zanxa.

UNHA NORMALIDADE “RARA”

Dolores Pérez, responsable de Piti Deportes e presidenta do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), resalta que “a xente vén con naturalidade e estanse a tomar todas as medidas de seguridade. Non traer luvas e máscara é case o anormal, e se non hai elementos de protección, facilitámolos nós. Estes días é ir comezando a funcionar, pasiño a pasiño”, salienta, para confesar que “está a ser unha experiencia diferente e un pouco rara, aínda que se leva ben”.

“Estabamos preocupados, porque hai que aplicar unha serie de medidas que eran impensables; dicirlle á xente que hixienice as luvas, etcétera… Pero podo dicirche que o estamos levando moi ben, tanto por parte dos clientes como por parte dos que hai detrás”, indica.

“Os nosos comercios son pequenos, non somos unha grande área, polo que o comercio local non padecerá demasiado coas distancias interpersoais que hai que manter”, indica Pérez, que neste sentido si se amosa máis preocupada polo impacto que poidan ter as restriccións de aforo na hostalería.

No tocante á afluencia, sostén que “si notamos que a xente vén en función das restriccións da mobilidade. Nesas franxas horarias nas que si se pode mover, temos esa afluencia de clientes”, matiza.

AS PERRUQUERÍAS, A TOPE

Pérez amósase satisfeita porque “hai xente que nos está a contactar para dicirnos que necesita un chándal, ou que ao neno lle queda pequeno o calzado”, de xeito que entende que “hai xente que non se esquece do comercio local. As perruquerías están a tope, segundo din os nosos asociados”, indica.

“A XENTE NON SE ESQUECE DO COMERCIO LOCAL”

Obviamente, trátase de meter primeira marcha para poder pasar a segunda en canto a situación sanitaria o permita. “Esperamos que haxa xente nas rúas canto antes, porque non se pode vivir de cita previa“, remarca.

Con todo, amósase “optimista. Necesitabamos o contacto coa xente, queremos traballar e o feito de abrir foi unha pequena luz no medio do túnel”, sinala, para matizar que as vindeiras semanas, cando se poida incorporar a hostalería e outros negocios, serán as que marquen a diferenza.

ÚLTIMAS

Detido en Ribadeo o presunto autor dun roubo con forza na casa dun familiar

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Ribadeo un veciño de Trabada, de...

A Carreira de Reis en Barreiros recadou 600€ para a asociación Saúde Mental A Mariña

A Carreira solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, logra recadar 667 euros...

Balance positivo de ACISA da XIV Festa do Comercio en Ribadeo

Acisa fai un balance moi positivo da XIV Festa do Comercio, que reuniu o...

O 2 de marzo partirá de Ribadeo a IV Edición da Peregrinación ‘O Camiño do Mar Concello a Concello’

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O...