A secretaria provincial do PSdeG-PSOE e candidata as eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Patricia Otero, criticou que o proxecto da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Burela “non avanzou absolutamente nada nos últimos anos, segue paralizada” polo “Goberno autonómico do PP de Feijóo“.
A dirixente socialista fixo estas declaracións despois de que Augas de Galicia anunciara a redacción do proxecto de saneamento de Burela, que prevé concluír “no primeiro semestre” deste ano, segundo unha información de El Progreso. Otero advertira no Parlamento de Galicia da necesidade de adxudicar as obras da EDAR de Burela antes de xuño de 2020, baixo risco de perder fondos europeos.
“Tras coñecer o anuncio do PP de Feijóo podemos constatar que este proxecto nos últimos anos non avanzou absolutamente nada, segue paralizada, agora faise un simple anuncio nos medios de comunicación previa campaña electoral. E o que é máis grave, cando Augas de Galicia recoñece que existe un problema grave co saneamento das augas en Burela”, insistiu.
A secretaria provincial dixo que “unha vez máis o Goberno do PP está tomando o pelo ás veciñas e veciños de Burela coa construción desta infraestrutura primordial para todo o Concello”. Lembrou que a “Directora de Augas de Galicia explicou na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2020, que para este proxecto hai orzamentado 250.001 euros, nunha obra que se prevé que rolde os seis millóns”.
Nesa liña Otero censurou que nos orzamentos da Xunta do 2019 “había orzamentados para este mesmo proxecto da mellora redes de saneamento e nova EDAR de Burela un investimento de 776.087 euros, dos cales non se executou nin un só euro. E nas contas autonómicas do ano 2020 podemos comprobar que esta cifra descende ata os 250.000 euros que hai actualmente asignados”, lamentou.
FOZ, CELEIRO E BARREIROS
Ademais tamén aludiu a outros proxectos pendentes e esquecidos polo PP na Mariña. “Outro caso similar sucede en Foz cunha cantidade irrisoria de 500.000 euros para a EDAR, e tamén aparece reflectida a dragaxe de Viveiro–Celeiro na partida de Portos de Galicia, unha infraestrutura que se leva reclamando dende fai mais de dez anos. Un caso similar ocorre en Barreiros coa depuradora de San Miguel xa que é longo no tempo, e segue sen ter solución, e sen ningún investimento da Xunta de Feijóo que sempre actúa mirando cara outro lado”.