O programa do Entroido de Foz, que se abriu o pasado sábado coa cea de coroación de Andrea García Mondelo, seguiu o pasado venres coa inauguración dunha exposición sobre a peña Éche o que Hai.
A mostra, que contén os disfraces elaborados polo colectivo, un dos máis representativos do Entroido focego, estará aberta no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima) ata o día 28 de febreiro.
A peña será a encargada de pronunciar o pregón, que se celebrará o venres, ás 20.00 horas na Sala Bahía.
“CRÓNICA SOCIAL” DO MUNICIPIO
Por outra banda, a Asociación Cultural A Pomba do Arco chamou á participación no Touporroutou, o espectáculo que correrá a cargo do grupo de teatro, das pandereteiras de Subela e do grupo de rock Os Quentaquis.
No evento, a base de música e humor, faise unha radiografía social e política tanto a nivel municipal como global, con esa retranca propia do Entroido. A Pomba do Arco convida a colaborar coa actividade e lembra que colocou diversas caixas en establecementos de Foz para que os interesados poidan depositar as súas coplas: Son “Anduriña”, “Cafetería May Ros”, “Ribeira”, “Bar Acuario”, “Muelle Bar”, “A Funcional”, “Lar”, “Pachán”, “Eskina” e “Barrilete”.
“O éxito e a continuidade do Touporroutou depende da participación veciñal polo que solicitamos dos focegos o seu apoio e a súa axuda, elaborando coplas e cantigas sobre os temas que consideren de interese, a fin de que esta actividade sexa realmente unha autentica crónica da vida social de Foz ao longo deste último ano”, expoñen.