IniciosociedadeUn proxecto europeo reúne profesores de automoción de sete países en Ribadeo

Un proxecto europeo reúne profesores de automoción de sete países en Ribadeo

Docentes de Romanía, Lituania, Italia, Portugal, Turquía, Croacia e España participan no encontro formativo, centrado do Passthru e no deseño 3D

Publicada o

- Advertisement -

Comezou en Ribadeo a xuntanza formativa do proxecto europeo Inclusión e Empregabilidade mediante a Tecnoloxía do Vehículo Eléctrico, que está a coordinar APAGA (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Preto de 30 profesores de sete países danse cita no Centro Pedro Murias, procedentes de Romanía, Lituania, Italia, Portugal, Turquía, Croacia e diferentes puntos de España. Realizan actividades formativas, en horario de mañá e tarde, que compaxinarán con saídas para coñecer Ribadeo, á praia das Catedrais e Mondoñedo, entre outras localizacións da Mariña Lucense.

A responsable do proxecto, Beatriz Fernández, explica que “estamos facendo o segundo encontro de formación do proxecto que estamos desenvolvendo este ano e o ano que vén, que se chama Inclusión e Empregabilidade mediante a Tecnoloxía do Vehículo Eléctrico. O que nos ocupa esta semana son dous aspectos da formación, un sobre o Passthru de todas as marcas de vehículos actuais, e outro sobre deseño 3D porque parte dos materiais que se van fabricar neste proxecto van incluír 3D máis toda a información na que se está a traballar agora co poñente que está dando a formación aos nosos compañeiros”, expón.

A responsable deste proxecto europeo engade que “estamos aquí representantes de sete países, aínda faltan algúns que se van ir incorporando, pero agora mesmo hai vinte persoas, máis case o equipo español ao completo. No proxecto en total son sete países e por cada país colaboran cinco dos profesionais de cada un dos centros que están implicados, que son expertos e especialistas na materia que estamos a traballar, así que somos un grupo de persoas bastante numeroso e coordinar a tanta xente non é moi fácil ás veces”.

TRES XUNTANZAS A NIVEL EUROPEO

Fernández indica que “en principio imos ter tres xuntanzas de formación, a primeira fixémola en Lisboa, a segunda estámola facendo aquí en Ribadeo, a terceira farémola no mes de marzo en Italia, e todo isto complementámolo con outras reunións transnacionais onde se progresa, se avanza, se corrixe e se matizan elementos do traballo final que temos que publicar. A vindeira reunión deste tipo vai ter lugar, no mes de maio, en Lisboa, e despois proseguiremos no ano que ven con outros encontros. A idea final é darlle forma a un traballo bastante profesional dedicado ao alumnado da FP Básica, que é a formación profesional básica inicial, que é o noso obxectivo, proporcionar materiais sobre o vehículo eléctrico para ese tipo de alumnado”.

VISITAS PARA DAR “VISIBILIDADE” Á COMARCA

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, asegura que “as actividades complementarias veñen sendo un pouco parecidas ás que facemos cos grupos que veñen aquí a Ribadeo, visita ao Concello de Ribadeo, a lugares típicos como a praia das Catedrais e o porto de Rinlo, visita tamén a Mondoñedo, e imos ir a Taramundi. Dentro do marco no que se move a asociación, no seu proceso de internacionalización, este ano vai ser moi potente de actividades. Creo que se está facendo un traballo importante, cada vez máis xente se está incorporando á asociación, penso que imos por bo camiño”, argumenta.

Para Doural “o tema Erasmus é un dos nosos buques estrela, está aportando moito, tanto para alumnos como profesores, e tamén para institucións e para os pobos. Creo que con iso tamén lle damos visibilidade á zona, A Mariña ou a outra zona onde van alumnos. Dentro duns días alumnos de Chantada estarán en Italia. Esperemos que esta xuntanza saia moi ben e que, a parte do traballo que se fai, isto forma moito grupo, a xente normalmente marcha de Ribadeo moi contenta e acostuma a volver”, conclúe.

ÚLTIMAS

Os sanitarios do Hospital da Costa realizarán accións até seren atendidas as súas demandas

A Xunta de Persoal do Hospital da Costa convocou unha xuntanza este martes para...

Sargadelos ten de prazo ata despois do verán para mellorar a seguridade laboral

A dirección de Sargadelos ten ata despois do verán para mellorar a seguridade na...

A concelleira de Facenda de Foz denuncia a “demagoxia” do PP coas facturas

A concelleira de Facenda e voceira do goberno municipal de Foz, Inés López Couto,...

Piden catro anos de prisión por presunta estafa a un home “en situación de vulnerabilidade”

Unha muller de orixe portuguesa enfróntase a catro anos de prisión por, presuntamente, estafar...