A delincuencia en Cervo caeu un 5,17% no pasado 2017 con respecto ao exercicio 2016, segundo precisou a xunta local de seguridade no municipio, nunha reunión que presidiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o alcalde, Alfonso Villares. Con este descenso da criminalidade, o concello sitúase oito puntos por debaixo da media provincial e catorce por debaixo do promedio en Galicia.
a taxa de criminalidade no 2017 foi de 12,87 infraccións por cada mil habitantes
A taxa de criminalidade en Cervo, segundo indicou Rodríguez, “sitúase nas 12,87 infraccións por cada mil habitantes, o que está moi por debaixo da media provincial e da media galega”. No tocante á porcentaxe de esclarecemento dos delitos de maior consideración -graves e non graves-, acadouse un 60,8%.
No balance, sobresae a redución dos delitos contra o patrimonio, cun descenso do 10%. Tamén diminuíron, un 15,78%, os malfeitos leves. Pola contra, aumentaron un 14% as faltas contra a seguridade colectiva, entre as que se inclúen aquelas relativas á seguridade vial ou contra a saúde pública.
aumentaron un 14% as faltas relativas á seguridade vial ou contra a saúde pública
CENTROS DE ENSINO
Na xuntanza, á que tamén asistiron representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local, tamén se informaron das accións que se desenvolveron no último curso académico para mellorar a convivencia e a seguridade nos centros de ensino de Cervo, entre outros asuntos.
Rodríguez deu conta do traballo realizado no Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar, que pretende reforzar a prevención e a vixilancia nos centros educativos cervenses e informar a alumnado, pais e persoal docente sobre os problemas e ameazas aos que están máis expostos os menores. No curso que vén de rematar, a Garda Civil impartiu en Cervo tres charlas sobre riscos en Internet ou o acoso escolar.
MARUXAINA E QUEIMADA
Os asistentes tamén abordaron os dispositivos de seguridade para eventos como a Maruxaina, en San Cibrao, ou a Queimada Popular, en Cervo, que se celebrarán en agosto. A Garda Civil e o Subsector de Tráfico apoiarán ao Concello para evitar incidencias nas festas.
Segundo precisou Villares, a mesa técnica de seguridade para coordinar estas dúas citas será o vindeiro venres. O rexedor cervense felicitouse cos datos expostos na reunión, “que nos fan pensar que algo se fai ben, pero non nos conformaremos ata chegar a cero delitos”, concluíu.