IniciosociedadeCen anos de remo feminino en Castropol

Cen anos de remo feminino en Castropol

O Club de Mar lembra este sábado as catro remeiras castropolenses que lograron o primeiro trofeo para a vila en 1918

Publicada o

- Advertisement -

Castropol celebra este sábado cen anos de remo feminino. O Club de Mar organiza unha homenaxe ás catro mulleres que en 1918 gañaron unha regata celebrada no Eo logrando para a vila o trofeo máis antigo de cantos se conservan.

A pequena copa ocupou sempre un lugar privilexiado nas vitrinas do club, fundado en 1949. A inscrición que pode lerse no premio ‘Regata del Eo. Copa Aragón. Año 1918′ acreditaba o seu valor pero ningúen supoñía que esa parte da historia tivera protagonistas femininas.

DESCUBRIRASE UNHA PLACA EN HOMENAXE áS CATRO REMEIRAS QUE GAÑARON A REGATA EN 1918

As investigacións realizadas por Javier García Herrero, quen foi directivo e presidente do club durante décadas, permitiron que as gañadoras fosen recoñecidas.  Cando preparaba un libro polo cincuenta aniversario da entidade, chegou ás súas mans unha publicación do Centro Asturiano de La Habana que daba conta dos detalles da competición celebrada en Figueras e os nomes das gañadoras: Amalia, Manolita, Serafina e Micaela. “La sorpresa fue que no eran marineros, si no mujeres”, conta García Herrero, que continuou as pescudas en torno á organización deste evento histórico sobre o que falará ás 11:30 horas na Casa da Cultura de Castropol.

REMINISCENCIAS ARISTOCRÁTICAS

A promotora da regata foi Socorro Granda, unha figueirense que fixera fortuna na Arxentina canda o seu marido –natural de Figueras- e que,  de volta a España para instalarse en Madrid, pasaba os veráns na súa localidade natal, no espectacular Palacete de Pedralba que tiña como residencia estival.

Con ela chegaron a Castropol influencias da elite aristrocrática e burguesa europea, que no inicio do século XX organizaba algúns eventos deportivos femininos –“eran actos sociales, más que pruebas deportivas”, explica García Herrero sobre o contexto no que se organizou a regata-. O título de “Copa Aragón” debíase á procedencia aragonesa do seu xenro, quen doou o trofeo.

A proba celebrouse o 14 de setembro durante as festas de Los Dolores e, na regata feminina, participaron tamén un equipo de Figueras e outro de Ribadeo.

Imaxe do trofeo de 1918 conservado nas vitrinas do Club de Mar de Castropol. JAVIER GARCÍA HERRERO

ARRAIGO DO REMO

A regata de 1918 non tivo continuidade como tal, e bebía dunha fonte distinta a da que emanaba a tradición remeira en Castropol -ligada á actividade pesqueira como ao transporte na ría- pero engarzaban ben.

A finais do XIX e comezos do XX, era habitual a celebración de probas –masculinas- nas festas patronais como expresión lúdica e deportiva dunha antiga rivalidade por alcanzar antes a outra beira do Eo con persoas e mercancías, ou de chegar axiña a porto para vender primeiro o  peixe.

O Club de Mar recolleu esa tradición e, desde a súa fundación en 1949, protagonizou importantes xestas deportivas, sendo referencia en España durante a década dos 50 e 60 e revivindo o esplendor nos 90 -representación nos xogos olímpicos de Barcelona, Sydney e Atlanta-.

No entanto, no ano da súa creación, a ditadura pechara todas as portas ao avance na conquistas de dereitos civís por parte das mulleres. A sección feminina do club non se creou ata comezos dos oitenta, pero mantense desde aquela.

AS REMEIRAS DE HOXE

Na palestra da Casa da Cultura, participarán algunhas das remeiras que escribiron e seguen a escribir a secular historia do remo feminino en Castropol. María Elisa Fernández, Lorena Rodríguez, Cova Echevarría e Laura Villabrille, a máis nova.

“Entreno seis días a la semana, puede parecer mucho, pero es lo mínimo si quieres participar en una final o optar a una medalla”, explica sobre a esixencia desta disciplina deportiva na que se iniciou con 10 anos. Sete despois ten dúas medallas de bronce en dous campionatos de España -2012 e 2014- e gana de seguir remando para competir, a pesar de que o vindeiro curso irá estudar e vivir a Oviedo.

O CLUB DE MAR CONTA NA ACTUALIDADE CON QUINCE REMEIRAS nas súas filas

A etapa universitaria, e despois o traballo, leva moitas remeiras e remeiros fóra da vila nos anos nos que lles correspondería dar o salto aos equipos senior. E isto é unha das principais dificultades que afronta no día a día o Club de Mar de Castropol. “Somos un club de canteira, cada año pueden salir dos o tres remeros, pero es muy difícil sostener así un equipo de 13 integrantes”, comenta Fernando González. A entidade conta cuns 50 deportistas entre categorías inferiores e absolutas.

BANDERA PRINCESA DE ASTURIAS

A cuestión demográfica e a deslocalización con respecto as rías Atlánticas galegas e as vascas, onde se concentran a maior parte dos clubs de elite, poñen trabas á continuidade da entidade, mais -di González- Castropol resiste cal “aldea gala”. Son o único equipo asturiano nunha máxima competición de remo. O Club de Mar compite na Liga Galega de Traiñeiras (LGT), só por detrás en prestixio da Eusko Label Liga da Asociación de Club de Traineras (ACT). E iso é motivo de celebración tamén este sábado xa que son anfitrións dunha das regatas da competición, a XXXI Bandera Princesa de Asturias de Traineras.  A competición comezará ás 17.30 horas, e disputarase en tres mangas.

ÚLTIMAS

O SLG denuncia anomalías na DIA da Xunta para a balsa de lodos de Alcoa

O SLG denuncia que a DIA da Xunta de Galicia para ampliar a balsa...

O Concello de Ribadeo apunta que as obras do Hospital Asilo van a bo ritmo

A reforma do hospital asilo avanza a moi bo ritmo. Así o subliñou o...

“Eu como peixe de Burela” achega as vantaxes de comer peixe aos pequenos do Valadouro

Corenta alumnos de educación infantil e primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Valadouro...

Ribadeo celebra o vindeiro domingo a segunda preparatoria Cros A Mariña

Ribadeo acollerá o vindeiro domingo, 17 de novembro, a 2ª Preparatoria Cros A Mariña....