IniciosociedadeUn inventario de vivendas e terreos en desuso para atraer poboación

Un inventario de vivendas e terreos en desuso para atraer poboación

Os concellos do Occidente asturiano colaborarán coa Fundación Edes neste ficheiro que recopilará información sobre propiedades públicas e privadas dispoñibles para proxectos de emprendemento

Publicada o

- Advertisement -

Os concellos do Occidente asturiano colaborarán na creación dun inventario de vivendas e terreos en desuso.  A proposta, impulsada pola Fundación Edes, preséntase como unha ferramenta para actuar contra o despoboamento. O obxectivo sería poñer os bens rexistrados a disposición de proxectos de emprendemento e programas para atraer poboación aos seus territorios.

Nos vindeiros meses, a Fundación, apoiada por técnicos municipais, recollerá información sobre vivendas, naves e outras propiedades públicas e privadas que cumpran as condicións para acoller este tipo de iniciativas.

“Hai antigas escolas e equipamentos municipais que perderon o seu uso inicial e que poderían ser aproveitados agora para novos proxectos”, explica Fernando García, coordinador do programa de Voluntariado da Fundación Edes.

O catálogo incorporará tamén propiedades de particulares dispostos a vendelas, alugalas ou cedelas a persoas ou entidades interesadas en asentarse e traballar na zona. “Tratamos de cambiar a perspectiva no discurso sobre o despoboamento, e abordar a problemática como unha oportunidade”,  resalta o voceiro da Fundación.

EMPRENDEMENTO NO RURAL

A entidade, que traballa no ámbito da inclusión social, desenvolve o proxecto no marco dun programa da Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (COCEDER), que reúne a organizacións e colectivos que traballan en diferentes puntos do Estado.

“A experiencia tivo bos resultados noutros lugares nos que o programa está xa máis avanzado. Hai entidades do terceiro sector que necesitan este tipo de recursos para desenvolver proxectos de inclusión laboral, pero tamén empresas ou persoas  que traballan no mundo dixital e que apostarían por establecerse en entornos rurais se dispuxesen das condicións axeitadas”,  apunta García.

O ficheiro presentarase en outubro nunhas  xornadas  sobre o despoboamento e a necesidade de incentivar o emprendemento no rural que organizará a Fundación Edes. A información poderá difundirse despois en publicacións ou encontros especializados aos que acuden persoas do entorno urbano que buscan poñer en marcha ideas de negocio e proxectos de vida no medio rural.

REUNIÓN EN VEGADEO

A creación deste catálogo é unha das accións acordadas na reunión que mantiveron este martes en Vegadeo representantes dos concellos das comarcas Oscos Eo e Navia Porcía. Os municipios asturianos  traballan desde abril nun plan de desenvolvemento territorial conxunto para tratar de frear a despoboamento. “É un proxecto en cernes pero cremos que a unión nos fará máis visibles ante o Principado, e tamén a nivel estatal”, comenta José Ángel Pérez, alcalde de Castropol e presidente do Ceder Oscos Eo.

As políticas para conter a decadencia demográfica e económica  que arrastran desde  hai décadas rebordan o ámbito municipal, como apuntan as liñas estratéxicas definidas nese plan de desenvolvemento incipiente.  Os concellos propoñen actuar para lograren melloras  das redes de infraestruturas e das telecomunicacións, unha  oferta de formación profesional acorde cos recursos e o tecido empresarial da zona, incentivos fiscais para as persoas e sociedades do medio rural, estreitar a cooperación con outros territorios europeos afectados pola mesma problemática e poñer en valor o patrimonio material e cultural  propio.

ÚLTIMAS

Foz acende este xoves 5 de decembro o alumeado de Nadal

O Concello de Foz ten preparadas moitas actividades e sorpresas para este Nadal, que...

Ribadeo comeza as obras de mellora da Estrada da Costa

Deron comezo as obras de mellora da estrada da costa, que suporán un investimento...

Lucía Freitas, galardaoada co Primeiro Premio Merlín polo proxecto “Amas da Terra”

A cociñeira Lucía Freitas é a gañadora da primeira edición do Premio Merlín polo...

Comezan as obras de mellora do punto limpo de Viveiro

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que xa comezaron as obras de...