InicioCulturaO 'youtuber' Iván Vázquez explicará aos estudantes viveirenses como superou os retos...

O ‘youtuber’ Iván Vázquez explicará aos estudantes viveirenses como superou os retos da xordeira

O seu exemplo para o alumnado do Ceip Lois Tobío e o IES María Sarmiento será un dos alicientes do programa da segunda edición da mostra teatral Superarte

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro presentou este mércores a segunda mostra de teatro feito por persoas con diversidade funcional Superarte, que se celebrará do 25 ao 27 de outubro e estará adicada á xordeira. O ‘youtuber’ Iván Vázquez, de Familia Vázquez TV, encargarase do pregón e tamén ofrecerá dúas conferencias para os estudantes viveirenses que serán traducidos da linguaxe de signos, co que ofrecerá un exemplo aos máis novos de como as persoas xordas poden abrirse camiño na vida e superar esta limitación.

VENRES

Vázquez abrirá o programa da mostra, o día 25, ás 20.30 horas. O convidado de honra ten unha canle en Youtube na que xunto aos seus pais, tamén xordos, “expón a través da linguaxe de signos como vive as situacións cotiás da xordeira cun toque de humor. Teñen moitos seguidores“, expón a concelleira de cultura, Lara Fernández-Noriega, que presentou a cita no consistorio xunto a Fabián Ben, de EMarela, a empresa coordinadora do evento, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Ese mesmo venres, Vázquez manterá encontros cos estudantes dos centros educativos, para falarlles da importancia que ten a integración da linguaxe de signos na educación. Tamén se referirá ás dificultades das persoas xordas no día a día e á súa capacidade para superar as limitacións, unha mensaxe que pode resultar especialmente motivante para os rapaces.

Ben, Loureiro e Fernández-Noriega, na presentación. AXM

“Hai unha persoa xorda no Ceip Lois Tobío e no IES María Sarmiento un neno, cada un co seu intérprete. Eles poderán ver a un referente, un home con xordeira que viaxa, que se move só, que é independente. Para eles pode ser inspirador”, explica Ben.

Tamén se proxectarán curtametraxes da produtora de contidos audiovisuais en Lengua de Signos Idendeaf, para o alumnado do Instituto María Sarmiento e Vilar Ponte: ‘El susurro‘, ‘SuperYo‘ e ‘Coda‘.

Grupo de Teatro da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que recreará a obra ‘O Gardián da Árbore dos Desexos‘, pechará a xornada.

SÁBADO

O sábado, as actividades comezarán ás 12.00 horas na biblioteca, cun obradoiro de iniciación á lingua de signos, con prazas limitadas. As inscricións pódense realizar a través da páxina de Facebook de Superarte.
Ás 17.00 horas, tamén na biblioteca, haberá un contacontos: ‘Una varita mágica para dulce‘. As prazas son limitadas ata completar aforo, e deberanse recoller dous días antes.
Ás 20.30 horas, no Teatro Pastor Díaz, a compañía teatral de persoas xordas El Grito (Madrid) recreará en linguaxe de signos a obra ‘Los Pensadores’. Dado que a peza representarase en absoluto silencio, os espectadores precisarán dun tradutor á lingua oral permitiralles seguir a trama.
“Cando nós vemos unha obra, eles teñen tradutor; esta vez poñerémonos nós na súa pel, para comprender a dificultade, porque eles pásanse a vida en dous sitios á vez”, expón a edil.

DOMINGO

O domingo, ás 12.00 na biblioteca, haberá unha mesa redonda moderada por Elena Santos Cociña, directora de Aspanane. Ás 13.00, o concerto da Eu Son Band animará o mediodía.

Tamén haberá un obradoiro de clown para os grupos de Teatro de Aspanane e Eu Son.

PROXECTO “BONITO”

Loureiro cualificou Superarte “dun dos proxectos máis bonitos” da concellería de cultura de Viveiro, que tenta “ser un acicate para a inclusión“.

“Queremos que as persoas con diversidade funcional atopen cada vez menos trabas na sociedade, e ofrecerlles un espazo para mostrar as cousas que fan durante todo o ano“, concluíu Fernández-Noriega.

ÚLTIMAS

O SLG denuncia anomalías na DIA da Xunta para a balsa de lodos de Alcoa

O SLG denuncia que a DIA da Xunta de Galicia para ampliar a balsa...

O Concello de Ribadeo apunta que as obras do Hospital Asilo van a bo ritmo

A reforma do hospital asilo avanza a moi bo ritmo. Así o subliñou o...

“Eu como peixe de Burela” achega as vantaxes de comer peixe aos pequenos do Valadouro

Corenta alumnos de educación infantil e primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Valadouro...

Ribadeo celebra o vindeiro domingo a segunda preparatoria Cros A Mariña

Ribadeo acollerá o vindeiro domingo, 17 de novembro, a 2ª Preparatoria Cros A Mariña....