O colectivo Amigos de Ceferino Díaz, constituído hai cinco anos na Mariña Lucense, volve un ano máis a celebrar unha homenaxe en memoria do histórico político do PSdeG-PSOE. Nesta ocasión, ao tradicional debate e xantar, súmase a inauguración dun monólito na súa memoria que se emprazará no Paseo da Rapadoira. En Prado de Ramos foron esparcidas as cinzas deste home natural do Saviñao, falecido hai case sete anos e que mantiña unha relación estreita con Foz desde 1986.
Os convocantes da homenaxe destacan a “a calidade humana” de Díaz, “un dos maiores valores políticos” que tivo Galicia, que realizou “un esforzado traballo polo Estatuto de Autonomía desde o convencemento de que sería a mellor ferramenta para loitar” pola comunidade.
Deste xeito, o monólito, “ubicado nun lugar moi transitado”, permitirá “ás novas xeracións coñecer” a súa traxectoria vital e política. O monumento reza o seguinte: ‘A Ceferino Díaz, exemplo de compromiso co país. Un home socialista, galeguista, bo e xeneroso. As súas amizades’.
MESA REDONDA
A descuberta do monólito será o vindeiro sábado, ás 14.00 horas. Previamente, ao mediodía no Hotel Oca, os organizadores programaron unha mesa redonda sobre ‘O galeguismo na actual coxuntura política e institucional‘.
Participarán no coloquio o ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o arquitecto e ex alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Estévez, así como a ex presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino. A benvida correrá a cargo do alcalde de Foz, Fran Cajoto. Ao remate de todos os actos haberá un xantar no gastrobar do Hotel Oca.
“UN DOS PAIS DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA”
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Economía Aplicada das Facultades de Ciencias Económicas e de Ciencias Políticas ata 2012, Ceferino Díaz ingresou no PSdeG-PSOE no 1978. Está considerado un dos pais do Estatuto de Autonomía do 1981, dado que “xogou un papel fundamental na súa negociación, redacción e defensa”. Foi deputado no Parlamento de Galicia e tamén representante dos socialistas no Congreso.