O PP de Viveiro alertou este mércores da situación dun edificio en ruínas situado no número 16 da rúa Rosalía de Castro, no casco histórico viveirense. Os conservadores sinalan que o estado de deterioro do inmoble supón “risco de desprendementos” pois “caen cascotes, cristais, pedras e partes da balconada da edificación tanto á vía pública coma ao patio de luces de casas lindeiras”.
O grupo municipal popular instará a través dun rogo ao goberno local a que requiran á propietaria do edificio “que corrixa de inmediato o seu mal estado de conservación para garantir a seguridade de veciños e viandantes, antes de ter que lamentar algún incidente irreversible“.
O PP viveirense solicita ao executivo municipal socialista que aplique a normativa de solo de Galicia así coma as normas estatais e o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) en relación á conservación e rehabilitación de construcións.
PIDEN UN INVENTARIO DE INMOBLES MAL CONSERVADOS
Ademais, pide a elaboración dun novo informe sobre o actual estado do inmoble, e un dossier técnico “das edificacións que poidan estar nesta mesma situación no casco histórico” de Viveiro “para instar á súa reparación”.
O PP viveirense asegura que a veciñanza se dirixiu ao Concello para este propósito “sen obter resultados”. Así, explica que “a propietaria do inmoble lindeiro” púxose en contacto co goberno local en 2014 e 2015. Segundo os populares, o executivo municipal respondeu en 2017, “indicando unha proposta de orde de execución de obras no inmoble en ruínas”.
Os populares de Viveiro preguntan se o Concello está a facer “seguimento do estado da edificación” e se “solicitou algún informe máis desde 2017”. Tamén interpelarán ao executivo municipal se a propietaria do edificio “paga o Imposto de Bens Inmobles (IBI)”.
LOUREIRO: “O PERIGO É CARA O INTERIOR”
A alcaldesa, a socialista María Loureiro, afirma que o deterioro do edificio “non afecta á vía pública”, polo que o Concello, argumenta, “non pode actuar de oficio“, pois arríscase “a unha sanción“.
Loureiro expón que o Concello realizou “notificacións” aos propietarios do inmoble para instalos a facer reformas e que “técnicos municipais realizaron visitas“, pero insiste en que “o perigo” é “cara o interior” da propiedade privada.
A rexedora sostén que “se informou á veciñanza desta situación” e que os procedementos para actuar son longos. “Hai titulares que actúan, outros que non o fan e hai que aplicar sancións e tamén hai casos nos que se tarda en localizar aos donos”, explica, para concluír que “o expediente está aberto“.