IniciosociedadeAbre un albergue para recuperar o paso dos peregrinos por Vegadeo

Abre un albergue para recuperar o paso dos peregrinos por Vegadeo

A xestora propón un programa de dinamización para que o municipio sexa polo de atracción no Camiño norte

Publicada o

- Advertisement -

Os peregrinos que percorren o cada vez máis concurrido Camiño do Norte teñen un novo punto no que facer parada. Este venres inaugúrase o albergue Mar y Montaña en Vegadeo. Lilian De Campos, quen xestionará as instalacións tras obter a concesión municipal, ten preparada unha xornada de portas abertas para “que a xente veña a vexa os cambios que se fixeron no edificio”.

O albergue aproveitou o inmoble do antigo Centro de Iniciativas Empresariais, que foi reformado e equipado polo concello para o seu novo uso. A pousada conta con 23 camas, unha delas adaptada, e con baño propio e unhas instalacións de cociña.

A apertura chega xusto a tempo para os meses de maior tránsito cara a Santiago de Compostela; xullo, agosto e setembro. “Xa empezan a pasar peregrinos pola vila, pero de momento non moitos”, explica Lilian, emocionada co proxecto que ten entre mans, que vai máis aló de atender aos peregrinos e de manter as instalacións.

CONTACTO COA COMUNIDADE

Queremos que estar no albergue lles axude a coñecer Vegadeo de verdade, e a entrar en contacto coa comunidade”. Unha das iniciativas para lograr esa comunión será convidar a veciños e peregrinos a compartir conversas e receitas na cociña, onde tamén prepararán menús para ofrecer aloxamento e comida aos viaxeiros –“menús vexetarianos e con produtos ecolóxicos”.

Nestas primeiras semanas, contará coa compañía de “Elodi, unha rapaza da Bretaña Francesa que se dedica a dar masaxes no Camiño e que compartirá con nos un tempo, axudándonos tamén cos idiomas”, comenta Lilian, que chegou do Brasil a Vegadeo hai catro anos. “Ao pouco de chegar fixen o Camiño coa miña filla, foi unha experiencia moi bonita. Tamén estiven como voluntaria nunha casa donativo en Mondoñedo”, conta.

PERDA DE CAMIÑANTES

Estas actividades de dinamización do albergue responden a intención do goberno municipal de recuperar o paso histórico do Camiño pola localidade. Os criterios de adxudicación do albergue premiaban as ofertas con proxectos de dinamización para potenciar as instalacións e traer viaxeiros á vila. A ruta natural para pasar de Asturias a Galicia levaba aos camiñantes por Vegadeo, Abres e Trabada ata Mondoñedo pero a construción da Ponte dos Santos ofreceu unha alternativa nova aos peregrinos, que atravesan a ponte ata Ribadeo, e seguen logo por Barreiros e Lourenzá.

TRABALLO CON ESCOLAS E COLECTIVOS

A intención da xestora das instalacións é manter o albergue “vivo” tamén nos meses de outono e inverno. “Traballaremos con escolas e asociacións para iniciar aos nenos e animalos a facer o Camiño. Faremos etapas pequenas desta ruta e convidaremolos a pasar noites aquí”, explica. Antes, o 10 de agosto, organizarán o primeiro Festival do Peregrino.

ÚLTIMAS

A caída dunha póla causa feridas a un operario no Valadouro na mañá deste mércores

Un operario resultou ferido na mañá deste mércores na localidade lucense do Valadouro tras...

Familiares de usuarios piden reunirse co alcalde de Foz para solucionar a situación da residencia

A Plataforma de afectados pola subida abusiva de tarifas da Residencia e Centro de...

O Concello de Viveiro reclama á Xunta unha reunión para desbloquear proxectos importantes na vila

O Concello de Viveiro reclama á Xunta de Galicia que atenda as súas peticións...

Barreiros e ANPAS presentan a oferta de actividades deportivas e extraescolares

O Concello de Barreiros e as ANPAS dos CEIP dos colexios de San Cosme...