Co inicio do mes de xullo, cando os primeiros turistas se deixan ver pola Mariña Lucense, a falta de persoal en atención primaria volveu xerar polémica. A carencia de tres médicos no centro de saúde de Viveiro desatou críticas, así como cobertura parcial da pediatra e da facultativa en quenda de tarde en Foz.
En Viveiro, profesionais, veciños e CIG-Saúde A Mariña denunciaron que este mércores quedaron catro médicos de familia dos sete da quenda de mañá ao non cubrir o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ningunha das tres ausencias actuais: “unha delas por exercer un cargo político e outras dúas por vacacións”, explica o sindicato.
É a segunda vez que hai protestas por esta circunstancia na última semana; a anterior foi hai sete días, no inicio do Resurrection Fest máis multitudinario.
“COLAPSO”
Segundo expón un facultativo do centro sanitario, a situación é de “caos” ante a multiplicación da poboación estival nun municipio turístico coma Viveiro. Un dos galenos lembrou cun cartel na porta do seu despacho que os pacientes “teñen dereito a reclamar”.
A CIG-Saúde lembra que as vacacións que por dereito corresponden ao persoal médico do centro de saúde “non se cubren sistematicamente”, o que conleva “un evidente deterioro na atención médica aos pacientes debido á acumulación de traballo que padecen os facultativos, propio e dos compañeiros”.
Dada a afluencia turística do municipio, a situación é de “auténtico colapso”, subliña a central nacionalista.
A ATENCIÓN PRIMARIA, “UN PRIVILEXIO”
A CIG critica a proposta de contrato eventual de continuidade para o persoal médico presentado polo Sergas, “que agora quere facer extensible ao persoal de enfermería. Non é digno nin para os profesionais nin para os pacientes. Non hai nin estabilidade nin posibilidade de conciliar, perpetuando a precariedade”, asegura a central.
Así, o sindicato argumenta que a Xunta de Galicia “quere converter atención primaria nun privilexio” e reclama ao Goberno galego que “cubra todas as ausencias que por vacacións ou outros motivos se produzan no centro sanitario de Viveiro”.

“ATRASO” NAS REVISIÓNS
En Foz, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou carencias en pediatría. Segundo os nacionalistas, o Sergas só cubriu parcialmente a ausencia da especialista, “quedando algunhas xornadas sen servizo, co retraso que isto vai conlevar no tocante ás revisións que se tiveron que aprazar nunha especialidade tan saturada como é pediatría”.
O MÉDICO DE TARDE, CUBERTO PARCIALMENTE
A formación frontista critica tamén que “tras o traslado previsto da médica en quenda de tarde, o posto veuse cubrindo nos últimos 15 días cun reforzo dalgunhas horas con outro facultativo de cupo de tarde”.
O voceiro dos nacionalistas, Xavier Fanego, lembra que o médico na quenda de tarde “había suplir segundo o Sergas o servizo de urxencias que no ano 2011 o Partido Popular (PP) amputou ao centro de saúde de Foz”.
O BNG de Foz lembra que o concello “duplica poboación en xullo e agosto” e esixe ao Sergas que “cubra totalmente todas as ausencias, sexan baixas, permisos ou vacacións do persoal, calquera día do ano”.
AMBULANCIA MEDICALIZADA
No tocante á ambulancia medicalizada, que perderá previsiblemente un dos dous Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES), o Bloque focego resalta que “nun sorprendente e pouco explicable retraso, non temos a resolución do procedemento do servizo de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia”.
O BNG asegura que a apertura dos sobres A e B do concurso foron o 19 e o 25 de xuño, “en días diferentes do previsto”, e remarca que “a día de hoxe non se coñece a resolución da mesa de contratación. Previamente foi imposible atender unha petición parlamentaria do BNG para modificar os criterios de valoración”, lembra Fanego.
“Agardarán ao mes de agosto para confirmar o recorte”, prognostica o Bloque.
O SERGAS APELA Á “FALTA” DE SUBSTITUTOS
A través dun comunicado de prensa, o Sergas respondeu que a ausencia da pediatra no centro de saúde focego “foi cuberta todas as veces que foi posible, garantindo a calidade da atención pediátrica”. A Consellería de Sanidade insistiu na “falta de especialistas nas listas de contratación”.
No que atinxe ao profesional da quenda de tarde en Foz, a Xunta afirma que cubriu esta baixa “ben con substitucións ou ben con prolongación de xornada, sempre que foi posible”. O Goberno galego responsabiliza da situación ao Principado de Asturias, xa que, argumenta, “dito profesional optou a un concurso de traslados, que o Executivo asturiano resolveu en pleno verán, facendo máis difícil atopar substitutos”.
O Sergas remarca que “durante os meses de xullo e agosto, incrementa o número de médicos dos centros de saúde de Foz e Viveiro, pois contrátase un facultativo para a atención de persoas desprazadas“.
No que respecta a Viveiro, atribúe tamén a falta de médicos á carencia de especialistas nas listaxes de contratación e sostén que recorre “a todas as opcións ao noso alcance” para solucionar “un problema xeralizado en toda España“.