O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable continúa coas obras de mellora da seguridade viaria mediante a execución de dúas rotondas na N-642, nos quilómetros 39,910 e 40,970, en Cangas, pertencente ao concello de Foz, na provincia de Lugo. A obra no seu conxunto conta cun orzamento de 550.525 euros.
“Co fin de garantir a seguridade dos traballadores e dos usuarios”, sinala nun comunicado, desde as 08.30 deste mércores 30 de setembro ata as 22.00 horas do luns 30 de novembro produciranse unha serie de afectacións ao tráfico na N-642 entre os quilómetros 40,200 e 41,600.
As afectacións estableceranse en distintas fases en función do avance dos traballos, como o corte do carril esquerdo (sentido Porto), regulándose o paso alternativo do tráfico polo carril dereito mediante semáforos ou sinalistas. Tamén o corte do carril dereito (sentido San Cibrao), regulándose o paso alternativo do tráfico polo carril esquerdo mediante semáforos ou sinalistas. A isto súmase o corte do arcén dereito e dunha parte do carril dereito.
Para os desprazamentos en sentido San Cibrao, empregarase a anchura do carril dereito aberto e parte da anchura dun carril central de xiro. Polo tanto, impedirase o xiro no carril central desde a N-642 cara á LU-162 e viceversa. Tamén haberá corte do arcén esquerdo e dunha parte do carril esquerdo.
Para os desprazamentos en sentido Porto, empregarase a anchura do carril esquerdo aberto e parte da anchura dun carril central de xiro. Polo tanto, impedirase o xiro no carril central desde a N-642 cara á LU-162 e viceversa.
Para asegurar a fluidez do tráfico durante estas afectacións habilitaranse itinerarios alternativos. Os vehículos deberán circular en sentido crecente desde o quilómetro 40,970 ata o enlace situado no quilómetro 42,200, onde poderán facer un cambio de sentido e regresar en sentido decrecente ata o quilómetro 40,970.
