O incendio forestal que segue activo desde este martes no concello lucense de Ourol evoluciona favorablemente e os veciños que tiveron que ser desaloxados xa puideron regresar ás súas casas.
Segundo as últimas estimacións facilitadas pola Consellería do Medio Rural, o lume, que se orixinou na parroquia de Merille, calcinou unhas 20 hectáreas.
En declaracións a Europa Press, o alcalde do concello, José Luis Pajón, confirmou que sobre as 23.00 horas os veciños de catro núcleos que foran desaloxados por precaución puideron regresar aos seus fogares. Tal e como explicou o rexedor, a decisión de desaloxar estes núcleos tomouse “por precaución” ao “non saber como ía avanzar” o lume, xa que os medios aéreos “non podían traballar polo vento e había zonas complicadas”.
“Pintaba bastante mal, pero, afortunadamente, cando empezou a chover e o vento a perder intensidade a situación foi mellorando“, destacou Pajón.
