Os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago este ano xa teñen dispoñible o servizo para transportar as mochilas e maletas etapa a etapa, de aloxamento a aloxamento, con Correos. Desde este luns, día 16, actívase o Paq Mochila nas principais rutas xacobeas de España e Portugal.
O peregrino pode contratar o seu traslado de equipaxes no Camiño Francés desde Roncesvalles e Somport, no Camiño do Norte desde Irún, no Camiño Primitivo desde Oviedo, no Camiño Inglés desde Ferrol, no Camiño de Inverno desde Ponferrada, na Vía da Prata-Camiño Sanabrés desde Ourense e no Camiño a Fisterra e Muxía.
Tamén na ruta xacobea portuguesa, que Correos decidiu ampliar neste 2026 debido á súa crecente demanda: os peregrinos contan agora co Paq Mochila no Camiño Portugués desde o Porto, tanto polo Camiño Central como polo da Costa, incluída a Variante Espiritual.
O funcionamento do servizo Paq Mochila é moi sinxelo: Correos recolle a equipaxe a partir das 8:00 da mañá no aloxamento indicado e deposítaa no seguinte albergue, hostal ou hotel antes das 14:30 horas. Isto permite percorrer as diferentes etapas sen necesidade de cargar con todas as pertenzas, levando só o imprescindible para pasar o día.
O Paq Mochila pode contratarse a través dun sinxelo formulario dispoñible en nove idiomas.
Ao chegar a Santiago de Compostela, os peregrinos poden beneficiarse do servizo de consigna que Correos ofrece na oficina da Rúa do Franco, a dous minutos da Praza do Obradoiro. A consigna está dispoñible de luns a domingo e pódese contratar en liña ou na propia oficina.
Ademais do Paq Mochila e a consigna, os peregrinos dispón doutros servizos como o envío de bicicletas, o envío de maletas e paquetes ou o envío de bastóns ou bordóns de volta ás súas cidades de orixe.
Na páxina web de O Camiño con Correos o peregrino tamén poderá atopar onde durmir nun buscador con máis de 4.000 aloxamentos, conta coa descrición das Rutas Xacobeas máis populares e con máis de 300 consellos sobre que ver e facer no Camiño.
