IniciosociedadeSan Cibrao, escenario dos últimos exemplares de balea gris no Atlántico

San Cibrao, escenario dos últimos exemplares de balea gris no Atlántico

Un estudo con restos atopados en San Cibrao e Cudillero confirma que a especie desapareceu entre os séculos XII e XIV pola actividade baleeira.

Publicada o

- Advertisement -

A balea gris desapareceu do Atlántico Norte entre os séculos XII e XIV debido á intensa actividade baleeira medieval. Segundo un novo estudo publicado na revista Quaternary Science Reviews, algúns dos últimos exemplares foron localizados en San Cibrao e Cudillero (Asturias). A investigación baséase en datacións con radiocarbono realizadas sobre restos atopados en xacementos arqueolóxicos e paleontolóxicos europeos.

O traballo, no que participa o Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio da Universidade de Oviedo (INDUROT), confirma que a balea gris foi a única especie de cetáceo extirpada dun océano en tempos históricos. Ata hai pouco, descoñecíase que esta especie, hoxe confinada ao Pacífico Norte salvo algúns exemplares divagantes, formase parte da fauna atlántica durante a Idade Media.

Os investigadores, liderados polo neerlandés Youri van den Hurk, analizaron 69 exemplares de balea gris mediante a técnica do carbono-14. As novas datacións sitúan a súa desaparición no Atlántico Nororiental entre os séculos XII e XIV, coincidindo co auxe da caza baleeira preindustrial ao longo das súas rutas migratorias costeiras. Os científicos subliñan que a perda desta especie supuxo tamén a desaparición de servizos ecosistémicos esenciais, como a remoción de sedimentos mariños e o transporte de nutrientes cara ás costas.

No caso da Península Ibérica, os exemplares máis recentes atopáronse en San Cibrao e Cudillero, datados entre os séculos XI e XIII, aos que se engaden achados previos en Xixón e Alxeciras. O estudo, que tamén contou coa colaboración da Universidade de León, do Centro de Experimentación Pesqueira de Asturias e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), foi financiado por proxectos europeos do programa Horizonte 2020.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...