A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home e a súa parella sentimental, que se enfrontan a unha pena conxunta de 31 anos de prisión. El está acusado dun delito continuado de agresión sexual á súa filla, menor de idade, xunto a outro de malos tratos habituais e un delito de malos tratos de obra. Ela, que non é a nai da nena, está imputada como cómplice da agresión e dos abusos. Os feitos producíronse, presuntamente, no domicilio no que convivían desde o ano 2015 ao 2023 ambos os membros da parella cos seus respectivos fillos, ademais dun que teñen en común, nunha localidade da Mariña lucense.
A vítima asegurou nas súas declaracións previas que cando estaban sós en casa, o seu pai realizáballe tocamentos nas súas partes íntimas, todo iso antes de cumprir os 13 anos, pero que, a partir desa idade, consumou o acto sexual en numerosas ocasións, varias veces á semana, e que, mesmo, nunha delas, foron sorprendidos pola muller, quen ameazou á súa parella con romper a relación senón abandonaba esta actitude. Alegou tamén a acusación que o pai lle pegou en varias ocasións, tanto a ela, como ao resto dos fillos de ambos, e que tivo que ser atendida das lesións resultantes deses malos tratos, pondo como exemplo cando a empuxou contra un cristal que rompeu.
Afirmou tamén que a muller era coñecedora dos malos tratos, que presenciou en varias ocasións. Ademais, recóllese no escrito da acusación que a menor non denunciou os feitos con anterioridade porque estaba ameazada polo pai. O acusado, que está en prisión provisional e que chegou ao xulgado esposado, negouse a declarar, mentres que a muller, que aínda mantén a relación de parella, si o fixo, negando todos os feitos. Definiu a relación de pai e filla como “normal, sen nada raro” e que nunca viu ningún tipo de contacto sexual entre ambos, nin de malos tratos. “Como muller e como nai nunca o permitiu”, dixo. Afirmou ter unha boa relación durante eses anos coa vítima, coa que “falaba de todo”.
Durante a súa declaración, a muller tamén explicou que o acusado e a nena non estaban nunca sós en casa, xa que sempre estaban os nenos ou ela mesma e que iso era debido ao traballo do home, que o mantiña afastado do fogar entre semana. Ademais, culpou da denuncia a unha familiar, a mesma que se fixo cargo da menor unha vez denunciados os feitos, e á que a muller acusa “de mal meter” contra eles en vinganza por unha reclamación económica que se remonta varios anos atrás. De feito, presentouse o resultado da investigación dun detective privado sobre o comportamento deste familiar en concreto e declararon varias testemuñas.
A Fiscalía pide para o home unha pena de 15 anos de prisión por un delito continuado de agresión sexual, tres anos por delito de malos tratos habituais e un ano por dous delitos de malos tratos de obra. O home non poderá achegarse nin comunicarse coa vítima e Fiscalía tamén pide a liberdade vixiada durante 10 anos e a inhabilitación especial para calquera profesión que implique contacto regular con menores de idade por un prazo superior en cinco anos ao da pena de prisión. Así mesmo, solicita a privación da patria potestade durante e a privación do dereito á tenencia e porte de armas por tres anos.
Pola súa banda, a muller enfróntase a unha pena de 10 anos de prisión polo delito continuado de agresión sexual, dous anos de prisión por malos tratos habituais e tres meses de cárcere por dous delitos de malos tratos de obra. Ademais, tampouco poderá achegarse á vítima, piden cinco anos de liberdade vixiada e outros cinco de inhabilitación especial para calquera profesión que supoña contacto con menores de idade. Ambos os acusados deberán indemnizar de forma conxunta á vítima con 50.000 euros por danos e prexuízos causados e ao Sergas con máis de 360 euros pola asistencia sanitaria.