A Audiencia Provincial de Lugo acollerá a próxima semana o xuízo contra home e unha muller que se enfrontan a unha pena de 31 anos de prisión por un delito continuado de agresión sexual sobre unha menor de 16 anos con abuso de superior, un delito de malos tratos habituais e un delito de malos tratos de obra.
Os feitos producíronse no domicilio no que convivían desde o ano 2015 ao 2023 e o home está acusado como autor e a muller como cómplice. Fiscalía pide para o home unha pena de 15 anos de prisión por delito continuado de agresión sexual, tres anos por delito de malos tratos habituais e un ano por dous delitos de malos tratos de obra.
O home non poderá achegarse nin comunicarse coa vítima e Fiscalía tamén pide a liberdade vixiada durante 10 anos e a inhabilitación especial para calquera profesión que implique contacto regular con menores de idade por un prazo superior en cinco anos ao da pena de prisión. Así mesmo, solicita a privación da patria potestade durante e a privación do dereito á tenencia e porte de armas por tres anos.
Pola súa banda, a muller enfróntase a unha pena de 10 anos de prisión polo delito continuado de agresión sexual, dous anos de prisión por malos tratos habituais e tres meses de cárcere por dous delitos de malos tratos de obra. Ademais, tampouco poderá achegarse á vítima, piden cinco anos de liberdade vixiada e outros cinco de inhabilitación especial para calquera profesión que supoña contacto con menores de idade. Ambos os acusados deberán indemnizar de forma conxunta á vítima con 50.000 euros por danos e prexuízos causados e ao Sergas con máis de 360 euros pola asistencia sanitaria.