IniciosociedadeManuela, de Ribadeo, sobre a teleasistencia: "O meu fillo ten medo de...

Manuela, de Ribadeo, sobre a teleasistencia: “O meu fillo ten medo de que me pase algo, pero con isto estou tranquila”

Coñecemos o seu testemuño, así como o de Jordi Melián, veciño de Alfoz, sobre este servizo da Deputación de Lugo

Publicada o

- Advertisement -

No ano 2023 había 111.929 persoas que se declararon en situación de dependencia en Galicia e, como é de agardar, a incidencia aumenta a medida que se incrementa a idade de poboación. Isto segundo a Enquisa estrutural a fogares (EEF) do Instituto Galego de Estatística (IGE). Así, a dependencia presenta maior incidencia nos que superan os 75 anos. Entre as zonas de Galicia con maior porcentaxe de persoas con dependencia figura Lugo sur, principalmente as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos.

Precisamente, de Chantada é Herme Sánchez, unha muller de 81 anos que vive soa, pero recoñece “sentirse moi segura”. Deuse de alta en 2022 no servizo de teleasistencia da Deputación de Lugo, unha iniciativa social para mellorar a vida das persoas maiores, dependentes ou en situación vulnerable. Ese foi o caso desta chantadina, que decidiu solicitalo por ter problemas de tensión e moitos mareos. “Vale para axudar á xente que se sente mal e se atopa soa, levo un reloxo que me deron, premo nel e podo alertar de como estou”, sinala.

Durante estes anos fixo uso da teleasistencia en dúas ocasións e afirma que foron rápidos e moi atentos. Estando moi contenta non dubidou en recomendarllo á súa irmá, que tamén vive soa en Vigo. Outorgalle unha seguridade no seu día a día, que comeza sobre as 9:00 horas cando se ergue e, posteriormente, almorza. Sae facer algunha compra porque lle gusta a cociña, pero sempre todo natural. “Se podo pola tarde baixo dar un paseo coas amigas, porque non teño fillos e o meu marido Juan faleceu”, conta Herme. Aínda así non quere nin escoitar falar da opción de residencia porque o seu desexo é vivir na súa casa e pode facelo ao estar tranquila de recibir axuda en caso de emerxencia. 

“O MEU FILLO TEN MEDO DE QUE ME PASE ALGO, PERO CON ESTE SERVIZO ESTOU TRANQUILA”

Actualmente o servizo de teleasistencia atende a 1680 persoas, das cales 1366 son mulleres e 314 homes. Está dispoñible as 24 horas do día e permite aos usuarios estar conectados cunha central de atención. Isto brinda seguridade á propia persoa, pero tamén ás súas familias. Así o recoñece Manuela Zapata, veciña de Ribadeo, a piques de cumprir os 84 anos: “Miña nora díxome que había esta opción e para min foi moi bo e sei que para ela e o meu fillo, tamén”. Xa hai máis de cinco anos que conta coa teleasistencia porque vive soa e ten dificultade auditiva, polo que moitas veces non escoita o teléfono.

“Aínda o uso bastante, se cadra unha vez ao mes, a última vez caín na cociña e xa me chamou a doctora, deume indicacións e xa chegaron para levarme ao centro de saúde”, comenta Manuela. Ten un fillo que vive moi próximo a ela e está pendente: “Ten medo de que me pase algo, pero sempre levo o aparato no pescozo e funciona moi ben, con esta cousa estou tranquila”. Soe estar moito tempo na casa porque lle encanta ler, a tranquilidade e fala todas as semanas por teléfono cos seus irmáns de Lugo. Ao igual ca no caso de Herme, a Manuela non lle gusta escoitar falar de residencia porque está ben como coas súas cousas. 

″Grazas a esta iniciativa, os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sos, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia″, defende o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera. Así, sostén que esta prestación, xunto a outras iniciativas coordinadas desde a súa área, ″son parte da rede de protección social que creamos para contribuír á igualdade de oportunidades e suplir a deixadez de funcións da administración que ten as competencias en materia social e laboral, a Xunta de Galicia″.

“AÍNDA NON CHEGO AO HOSPITAL E O MEU FILLO EN CATALUÑA XA ESTÁ ENTERADO”

Jordi Melián ten 79 anos e vive en Alfoz, aínda que é de Girona. Xa desde o 2012 conta coa teleasistencia porque sofre de arritmias: “Puxen unha ablación no corazón e entereime polo Concello desta posibilidade e por iso o solicitou”, confesa. Xa fixo uso do dispositivo varias veces, sen ir máis lonxe, fai unhas semanas sufriu outra arritmia e viñeron para trasladalo ao hospital en Brurela. Fai fincapé en que tardaron moi pouco en chegar. 

“Isto consiste nun aparato que vai conectado ao teléfono e ao premer nun botón chega o sinal e xa hai comunicación cos servizos sanitarios. Cando saio á horta ou ao xardín levo un colgante para facer esa mesma operación a distancia e xa daría aviso”, explica. Non dubida en dicir que o recomendaría porque lle dá unha “seguridade tremanda” en caso de que lle pase algo, sobre todo nas noites, e non estar illado. Vive só e ten ao seu fillo no Pirineo catalán, “a uns 1000 quilómetros”, pero recoñece que está relaxado grazas a este recurso. “Teño dito que non o avisen ata non saber da gravidade, pero xa aínda non chego eu ao hospital e o meu fillo xa está enterado”, comenta. Aquí entra en xogo tamén a tranquilidade dos que teñen aos seres queridos lonxe. 

ÚLTIMAS

Expomar está presente na ‘Feira Expomar de Cabo Verde’

A Fundación Expomar colabora coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia na “Feira...

‘No Nadal, ti iluminas Ribadeo’ campaña do Concello e Acisa

Concello de Ribadeo e Acisa presentan a campaña No Nadal, ti iluminas Ribadeo co...

Judas Priest estreará no Resurrection Fest o seu novo traballo ‘Invincible Shield’

A banda británica Judas Priest actuará no Resurrection Fest de 2025, en Viveiro, onde...

Nova sinalización no polígono de Landrove, en Viveiro, para mellorar a seguridade viaria

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Viveiro, responsable da área de Obras, pon...