O Concello de Ribadeo insistiu en que o acceso á praia das Catedrais é gratuíto, polo que fixo un chamamento ante a existencia de páxinas web que cobran por xestionar os pases para as visitas ao areal, limitadas a menos de 5.000 diarias.
En declaracións difundidas aos medios este venres, a concelleira de Turismo no municipio mariñán, Marta Saíz, aclarou que o acceso á praia é “totalmente gratuíto”, sempre que se empreguen as vías existentes para obter os pases.
Así, lembrou que estes poden xestionarse a través das páxinas web do Concello de Ribadeo e da Xunta, ou ben co uso de taxis ou bus lanzadeira que se move en función da marea, que trocan tickets para acceder á praia.
A edil incide en que estas últimas opcións contribúen a “desconxestionar” o tráfico e as “aglomeracións” que se rexistran nas inmediacións das Catedrais.
