O Xulgado do Penal número 2 de Lugo acordou este martes impor unha pena de prisión dun ano ao propietario e ao administrador dunha empresa de maquinaria forestal con sede na localidade de Barreiros como responsables do accidente sufrido en 2020 por un empregado que resultou esmagado pola coitela dunha máquina procesadora padecendo feridas graves.
A vista, na que estaba previsto que ademais dos dous procesados prestasen declaración media ducia de persoas en calidade testemuñas, non chegou a celebrarse ao alcanzar a Fiscalía e a defensa dos acusados un acordo de conformidade para reducir á metade (de dous a un ano) a pena de prisión solicitada inicialmente.
Segundo o relato do Ministerio Fiscal, o sinistro tivo lugar o 23 de xuño de 2020 nas instalacións da citada empresa de maquinaria forestal. O traballador prexudicado atopábase soldando os ferros metálicos que compoñen a coitela bulldozer dunha procesadora forestal cando o brazo de dita procesadora escorregou do ferro provocando o envorco da coitela, que terminou por atrapar e esmagar ao empregado “un pouco máis abaixo da cadeira”. Como consecuencia do accidente, o traballador sufriu diversas fracturas que requiriron de varias intervencións cirúrxicas provocándolle unha incapacidade, sostén o escrito fiscal, “para realizar a súa profesión habitual de forma permanente”.
Ambos os acusados, propietarios e administradores solidarios da empresa no momento dos feitos, responsables segundo o relato da Fiscalía de permitir e instar á utilización da procesadora forestal para un uso non previsto polo fabricante e “en condicións perigosas para o traballador accidentado”, aceptaron ante o xuíz a pena dun ano de cárcere por un delito contra os dereitos dos traballadores, seguridade e hixiene e de lesións por imprudencia grave.
SUSPENSIÓN DE PENA DE PRISIÓN
Tras a celebración da conformidade entre as partes, o Xulgado do Penal número 2 de Lugo acordou tamén impor aos imputados o pago de senllas multas de 2.700 euros, así como a inhabilitación, durante un período dun ano, para o exercicio da profesión de administración e responsable de empresas de actividades especializadas de reparación de produtos metálicos, maquinaria e equipos. Ao ser a condena solicitada inferior aos tres anos e ao non contar os procesados con antecedentes penais acordouse tamén a suspensión da pena de prisión dos acusados a condición de non delinquir nun prazo de dous anos.
