-Cales son as circunstancias detrás das concentracións en Ribadeo e O Valadouro?
En Ribadeo, e coincidindo co Día Internacional da Atención Primaria e cunha concentración diante do Parlamento de Galicia convocada por SOS Sanidade Pública, deciduse celebrar a concentración en Ribadeo baixo o lema: ‘Unha vez máis en defensa da atención primaria’ porque a situación tanto na Mariña como no país é crítica en relación coa Atención Primaria e tamén na atención hospitalaria. Dicimos crítica porque non se substitúe o persoal que falta e porque hai centros sen médicos pois non cobren ao 100% a atención aos pacientes. O mesmo sucede cos pediatras, como en Ribadeo, onde hai unha que non foi substituída por unha ausencia á que ten dereito. Cobren isto cunha pediatra un ou dous días por semana, un servizo incompleto. Se os nenos están enfermos son derivados ás medicas de familia que xa están colapsadas. En Ribadeo xubilouse unha médica que non foi substituída.
-Sucede o mesmo no caso do Valadouro?
A concentración do domingo 14 de abril no Valadouro é porque levan toda a semana sen médico. Este concello ten dúas prazas de medicina de familia, unha delas está vacante desde hai meses porque o seu médico se retirou e non houbo substitución. A outra profesional está ausente e tampouco houbo substitución. Desde os servizos administrativos do Centro de Saúde indicaron aos pacientes que debían acudir ao centro de saúde de Alfoz. Alí dábanlles cita telefónica ou se era algo urxente eran derivados ao PAC de Burela. Hai moita indignación entre a poboación desde hai meses xa desde a xubilación dun dos profesionais. Á parte, desde hai dez anos a xente de Alfoz e O Valadouro están reclamando por un pediatra para atender os nenos e nenas destes concellos.
-Cales son os motivos apuntados polo SERGAS para non cubrir as prazas vacantes?
Pois desde o SERGAS dise que non hai pediatras nin médicos de familia nin matronas. Non dubido que non encontran, mais levan quince anos gobernando na Xunta e daquela xa sabían que ía acontecer todo isto. Mais cando chegaron á Xunta tumbaron o plan de atención primaria que había previsto e se se levara adiante as cousas serían diferentes. Non puxeron medios por que non teñen na súa estratexia política a defensa da sanidade pública, derivan cara a privada.
-O relevo de médicos na Mariña é dos máis baixos?
Non sabería dicir se é unha das zonas co índice máis baixo de relevo, mais si sabemos que está catalogada como de difícil cobertura. Esta dificultade ten unhas causas que se poden resolver. O maltrato que as xerencias e as direccións están realizando sobre o seu persoal é impresionante. A xente foxe cara outros lugares, aquí sepáranos unha ponte de Asturias e desa ponte para aló a xente foxe onde as condicións son mellores.
-O maltrato é sobre condicións laborais como salariais?
Salariais e de precariedade, porque ofrecen uns contratos totalmente precarios. Fóra de aquí ofrécenche de entrada a estabilidade dun ano, despois a xente continúa alá.
-Sábese cal é o número de profesionais sanitarios que se debera cubrir na comarca?
Habería que cubrir todas as prazas vacantes por xubilación e despois habería que facer un estudo, pois nos estudos sobre zonas máis rurais e con poboación máis dispersa a xente maior necesita máis coidados. Cando é unha poboación moi dispersa necesitas moitos máis medios para atendela, porque os domicilios están máis lonxe, por tanto os números non poden ser a razón para poñer un determinado número de médicos.