A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña considera que o peche da planta de Medicina Interna durante o verán carece de calquera xustificación técnica posíbel e que tan só obedece a “unha política sanitaria de recortes do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.
Segundo o órgano representativo, a dirección do Hospital xustifica o peche destas camas pola falta de persoal de Enfermaría, unha situación xerada pola propia dirección, aseguran. “O persoal de enfermaría, sinalan, ‘fuxiu’ a outros territorios como Asturias ou País Vasco, en busca dun futuro laboral mellor, onde se lles garante estabilidade”, afirman.
Consecuencias para as persoas doentes e traballadoras
Este peche de camas terá consecuencias para as persoas doente e suporá o incremento das derivacións ao HULA, ao non existir camas libres no hospital de Burela. Unha práctica que se leva facendo durante os últimos meses “e que está a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da dirección nun hospital que acaba de ser ampliado”.
Estas medidas tamén provocan un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías.
Pero o peche de camas tamén terá consecuencias para os profesionais que serán desprazadas a outros servizos e unidades. “Os calendarios laborais que tiñan asignados decaen, tirando pola borda toda a planificación que tiñan feita para a súa vida persoal durante o verán, provocando entre as traballadoras cabreo, indignación e un incremento do desexo de abandonar o Hospital da Mariña”.
A Xunta de Persoal sostén que durante o período estival non pode diminuír a actividade asistencial porque “as poboacións das zonas de costa, como mínimo, se duplican nesa época e os pobos do interior da comarca tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra”. Argumenta, ademais, que as persoas “tamén enfermamos no verán”.
“Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida que só busca o aforro económico e que vai privar de asistencia sanitaria de calidade durante o verán aos mariñaos e mariñás”, finalizan.
RESPOSTA DESDE A ÁREA SANITARIA LUGO-BURELA-MONFORTE
Desde a Área Sanitaria Lugo-Burela-Monforte apuntan que a planificación asistencial para os meses de verán, tanto na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, como no resto de áreas de Galicia, faise tendo en conta factores como os menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade.
Esta planificación realízase en función de estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores e tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de garantir a calidade asistencial dos pacientes durante os meses de verán (período no que se concentran a maioría de peticións de vacacións por parte do persoal).
Dita medida, que é xeralizada na maioría de sistemas sanitarios públicos, permite xestionar de forma eficiente as vacacións regulamentarias dos profesionais e conxugalas coa diminuación da demanda asistencial que se produce neste período.
Ademais as vacacións dos profesionais do Sergas (ás que teñen dereito como calquera outro traballador), concéntranse maioritariamente no verán (como acontece na maioría de institucións, organismos, empresas, sectores produtivos…). Este feito, xunto coa redución da demanda asistencial, obriga a reestruturar no verán a dispoñibilidade de camas, pero poñendo sempre a disposición da cidadanía todos os recursos necesarios, mantendo toda a actividade clínica posible e garantindo a atención aos procesos que non admiten demora.