O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, abrirá o luns o prazo para solicitar acreditación da experiencia en obras de interior, decoración e rehabilitación.
Trátase do único centro de Galicia que ofrece a posibilidade de que aquelas persoas que teñen experiencia pero non titulación nin documentación neste sector podan sacar unidades de competencia relacionadas co traballo que están desempeñando.
O CIFP Porta da Auga permite acreditar competencias na familia de edificación e obra civil, en concreto no ciclo medio de obras de interior.
Segundo explica o docente José Méndez de Andés, “hai moitos traballadores que teñen moitos anos de experiencia, moi bos profesionais pero que non teñen nada que lles poida acreditar esa formación. Desta maneira, presentando documentación (vida laboral, contratos de traballo, cursos) poden sacar unidades de competencia que convalidan parte dos módulos formativos do ciclo”.
A certificación require de completar unha proba na que os solicitantes deberán mostrar a súa capacidade, consistente en tarefas de alicatado, colocación de cartón xeso, traballos de pintura ou revestimento”.
![](https://xn--xornaldamaria-tkb.gal/wp-content/uploads/2019/01/CARTEL-CIFP-PORTA-DA-AUGA-ACREDITACIÓN-DE-EXPERIENCIA-PROFESIONAL-2019.jpg)
Méndez de Andés recomenda que os interesados vaian ao Porta da Auga para asesorarse, porque houbo cambios no protocolo e para presentar as solicitudes hai que utilizar unha plataforma que require do DNI electrónico ou da Chave365. A data límite para presentar as solicitudes é o 7 de febreiro.
NO 2018, PRETO DE 30 SOLICITUDES
No 2018 presentáronse preto de 30 persoas no Porta da Auga para obter acreditacións. “Había xente de Asturias, Cantabria, Zaragoza e ata de Alicante, que veu aquí porque Galicia é a única comunidade de España que saca acreditación de competencias na maioría das familias profesionais”, expón o profesor.
“Para presentar presupostos a organismos públicos pídese que se presente algún tipo de titulación ou formación relacionada cos traballos a realizar”, destaca Méndez de Andés.