Iniciosociedade"Aínda pensamos que falar galego a quen nos fala castelán é de...

“Aínda pensamos que falar galego a quen nos fala castelán é de mala educación”

A AEDL Rosa Lage explica os obxectivos dunha campaña para fomentar o emprendemento en galego que o Concello de Xove presenta este mércores

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Xove presentará na tarde do mércores (20.30 horas, salón de actos do consistorio) a campaña audiovisual Xoveemprendeengalego, destinada a fomentar o uso do idioma entre as novas empresas do municipio.

Entrevistamos a Rosa Lage, axente de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que ideou a campaña, financiada pola Xunta de Galicia.

P. Cales son os obxectivos desta campaña?

R. Desde a oficina de emprego e desenvolvemento local sempre tentamos traballar temas transversais. Neste caso, hai dous obxectivos principais. Por un lado, a creación de emprego e de pequenas empresas a nivel local, o estímulo ao emprendemento; por outra banda, fomentar o uso do galego. Realmente, poderiamos falar dun mesmo obxectivo que é valorar o noso.

Entrevistaron a seis persoas do municipio que se teñen negocios e que usan preferentemente o galego. Como defenderon o uso do idioma?

Falaban de que, sobre todo á hora de utilizar as redes sociais, tratábase dunha cuestión de naturalidade. Dicíannos que non se sentían eles mesmos ou elas mesmas se non se expresaban en galego.

Cartel do acto. AXM

Hai prexuízos sobre o uso do galego no ámbito empresarial?

Unha das preguntas que lles fixemos e que me parece das máis interesantes foi a seguinte: Cres que se alguén che fala castelán no teu negocio, ti debes falarlle castelán ou que é correcto falarlle en galego se o entende perfectamente?

Vivimos aínda nunha sociedade na que a diglosia pesa. Moita xente pensa aínda que falar en galego a quen nos fala castelán é de mala educación. Se esa persoa está a entender o que dicimos en galego, non hai por que deixar de expresarnos no idioma que nos sentimos cómodos. É unha cuestión de convivencia e de respecto mutuo, da clientela á empresa e da empresa á clientela.

No tocante á rede, hoxe, se algo nos interesa de verdade, buscamos e mercamos produtos cuxa información vén en inglés ou noutros idiomas. Temos ferramentas para iso.

Como pode axudar o galego ao empresariado que o utilice?

O idioma pode favorecer a creación do concepto dun produto, a identificación dunha marca. E non ten por que ser unha barreira.

Un exemplo é o de Paula Patiño, que estará na presentación da campaña.

Si. Patiño é a impulsora de A Castrexa, unha empresa de marmeladas e outras conservas vexetais. Esta marca, que ten o selo de calidade da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, vende online a varios puntos de España e fai toda a etiquetaxe en galego, sen que iso mermase as súas posibilidades.

Outro é Xacio Baño, a quen o Concello lle encargou a realización audiovisual.

Xacio gravou en galego a súa primeira longametraxe, ‘Trote’, e iso non o privou de poder proxectala en festivais tan prestixiosos coma o de San Sebastián ou no de Locarno, en Suíza.

Queremos agradecerlle o seu comportamento porque a encarga que lle fixemos é moi pequena e el xoga xa noutra liga, pero tomouse o noso proxecto coa máxima profesionalidade. Fíxoo con moito cariño e díxonos que non podía facelo doutro xeito, porque “se dalgún sitio son, é de Xove”.

ÚLTIMAS

Trabada recibe o plano cos beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque do Mondigo

O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e...

Correos activa o servizo de transporte de mochilas no Camiño norte no seu paso por Ribadeo

Os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago este ano xa teñen dispoñible o...

Ribadeo anuncia melloras na accesibilidade para a Rúa Virxe do Camiño

O alcalde, Dani Vega, dixo que “seguimos mellorando a zona da Virxe do Camiño....

Barreiros inaugura a exposición “Fauna Esencial”

Esta mañá ás 11:30 horas tivo lugar a inauguración da Exposición “Fauna Esencial” da...