O biólogo Anxo Cao falará este martes na carpintería de ribeira de San Cibrao sobre o avistamento de baleas preto da costa da Mariña e Ortegal, un fénomeno que esperta cada vez máis curiosidade e do que, o pasado 14 de agosto, coñeciamos un novo episodio.
o experto falará sobre a tipoloxía destes cetáceos, a súa caza ou o estado actual das especies a partir das 20:00 horas
O patrón do veleiro Carrao, Ramón Rivas, avistou a unhas 25 millas de San Cibrao catro baleas xuntas, probablemente rorcuais común, segundo a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).
RUTA DE PASO
“A esa distancia da costa sempre se produciron avistamentos de rorcuais por parte dos pescadores, pero agora os teléfonos móbiles permítenlles grabalos e alcanzan maior difusión”, aclara. “As costas de Galicia son lugar de paso das baleas do Atlántico norte que habitan en zonas máis setentrionais con augas frías, e ricas en alimentos, e migran a zonas tropicais en época de cría” explica o sancibrense, que tomou parte nun proxecto científico de identificación de baleas nas Azores –un lugar do mundo privilexiado para a súa observación -.
“Nas illas Azores os avistamentos son máis frecuentes, e máis doados, en parte, porque as baleas pasan máis cerca da costa. No Cantábrico, o habitual é localizadas a 25 ou 30 millas da costa, no límite da plataforma continental onde aflora o plancton do que se alimentan”, explica.
“A presenza das baleas significa que hai fontes de alimento dispoñibles”
“Creo que son necesarios máis estudos para certificar se os últimos avistamentos significan un cambio con respecto ao que viña sucedendo, en todo caso, a presenza de baleas é sempre boa noticia porque significa que hai fontes de alimento dispoñibles, e porque hai estudos que indican tamén que os seus excrementos serven de alimento a outras especies”, anticipa.
Os cetÁceos pasan a 25 ou 30 millas da costa, no límite da plataforma continental
O coloquio desta tarde arrancará cunha exposición sobre os tipos e as características dos cetáceos que poden avistarse nas nosas latitudes, e profundará tamén na historia da caza de baleas.
FACTORÍA BALEEIRA DE MORÁS
A factoría de Morás no concello de Xove foi o último reduto do pasado baleeiro de da zona da Mariña e Ortegal. A actividade mantívose ata “metade dos anos setenta cando parte dos terreos nos que estaba ubicada foron expropiados para a instalación de Alcoa”, comenta Cao. “En San Cibrao, aínda moita xente conserva na sú casa algúns restos de baleas procedentes da actividade na factoría, ou atopados na praia”, apunta.
Se a presenza de baleas se asentou no imaxinario colectivo se asentou nos últimos anos como algo excepcional, na contorna séntese aínda algo máis familiar. Mais isto non resta emoción a un avistamento vivido en primeira persoa, “Acercarte nunha lancha duns 10 metros de eslora a un animal desas dimensións, de 30 metros ou máis de longo, observar o seu comportamento na auga… É unha experiencia difícil de describir, independentemente do coñecemento científico que teñas do tema”, conta.
“As baleas son máis rápidas do que se podería imaxinar por as súas dimensións”
En torno á observación de baleas, creouse unha notable industria turística en distintos lugares do planeta como as illas Azores ou nas illas Canarias (en Euskadi tamén comezaron a xurdir algunhas inicitivas- Unha práctica na que convén aterse a unha distancia e un tempo determinado -uns 50 metros e uns vinte minutos- para non resultar instrusiva ou estresante para os animais”.
ESPECIES AMEAZADAS
A caza de baleas contemporánea con “barcos a motor e cañóns explosivos” ameazou a conservación –e extinguiu noutros casos- a maioría das especies de baleas. No 1985, aprobouse a nivel internacional unha moratoria coa que se pretendía recuperar a poboación de cetáceos do planeta. No entanto, Xapón –o principal consumidor de carne e graxas de balea-, Islandia e Noruega manteñen a actividade industrial en torno a esta pesquería, que segue a ser unha das principais ameazas para a conservación destes mamíferos mariños.
En España, a última balea capturouse no ano 1985, antes de entrar en vigor a moratoria
“A ela súmanse os residuos plásticos nos océanos e a contaminación ambiental”, cita Anxo Cao, quen prefire rematar a conversa nunha posición máis alentadora. “Aínda que non somos cazadores nin consumidores de baleas, cando viaxamos a outros países debemos ter presente o dano que causan estas actividades. En Islandia -por exemplo- é habitual que che ofrezan carne de balea e que te tenten coa curiosidade de probala”, apunta.