InicioOccidentalXoveO PSdeG de Xove denuncia "outro curso político perdido" sen respostas aos...

O PSdeG de Xove denuncia “outro curso político perdido” sen respostas aos problemas do concello

"Rematamos outro curso político cos mesmos problemas sobre a mesa. Demetrio Salgueiro acumula anuncios, fotos e promesas, pero non resolve os asuntos que condicionan o presente e o futuro do municipio", denuncia o PSdeG.

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG de Xove fixo balance do curso político denunciando a falta de avances nos principais problemas do municipio e o esgotamento do Goberno local do Partido Popular que, tras dúas décadas á fronte do Concello, “segue sen ofrecer solucións nin un proxecto de futuro para Xove”.

O Grupo Municipal Socialista centrou o seu labor no abastecemento de auga, a ampliación do saneamento, o acceso á vivenda, o desenvolvemento industrial e urbanístico, o Portiño de Morás e a creación dun centro de día para maiores. “Rematamos outro curso político cos mesmos problemas sobre a mesa. Demetrio Salgueiro acumula anuncios, fotos e promesas, pero non resolve os asuntos que condicionan o presente e o futuro do municipio”, denuncia o PSdeG.

O abastecemento de auga: vinte anos de abandono do PP

A formación considera especialmente grave a situación do abastecemento de auga. O recente bando municipal no que se pide reducir o consumo e se establecen restricións confirma “o fracaso absoluto da xestión do PP nun servizo básico”.

Os socialistas lembran que reclamaron un estudo técnico que confirmou importantes deficiencias nas captacións, nas conducións e nos sistemas de tratamento e filtrado, e cifrou en preto de 1,5 millóns de euros o investimento necesario. “Cando chove, a auga chega con barro ás vivendas, e cando se produce unha pequena seca comezan as restricións e o transporte en cisternas para encher os depósitos. É inadmisible nun concello cos recursos económicos de Xove”, critican.

O PSdeG lamenta que, tres anos despois do informe, o alcalde non presentase obras, prazos nin financiamento. “Salgueiro deixou deteriorar o servizo durante vinte anos e agora pretende presentar a privatización como solución á súa propia falta de xestión”, advirte.

A formación reclamou tamén a ampliación do saneamento ás parroquias de Lago, Morás, Portocelo e Xuances. “O PP resignouse aos pozos negros e non ten unha planificación para estender un servizo esencial”, sinala.

Polígono Industrial, Portiño de Morás e vivenda: promesas incumpridas do PP

O Grupo Socialista reclama unha actuación integral no polígono industrial, inaugurado en 1999 e con carencias no abastecemento, no saneamento e nos accesos. Considera insuficientes os 58.000 euros previstos pola Xunta e lembra que Salgueiro aceptou a eliminación do acceso directo á VAC.

Sobre o Portiño de Morás, denuncia que os pantaláns levan prometéndose dende 2007. “Cada visita dun responsable da Xunta trae unha nova fotografía e unha nova cifra, pero as obras nunca comezan. Fronte aos anuncios millonarios, os orzamentos autonómicos de 2026 só recollen 48.000 euros”, apunta.

O PSdeG advirte tamén da falta de vivenda para comprar ou alugar e lembra que as últimas vivendas públicas foron entregadas hai máis de vinte anos. “Sen vivenda é imposible fixar poboación e ofrecer oportunidades á xente nova, pero o PP continúa negando unha realidade evidente”, afirma. A formación reclama ademais avances no desenvolvemento urbanístico e na creación dun centro de día, despois de que non se materializase o proxecto anunciado no edificio de Cogami en Palmeiro.

Máis de 1,3 millóns da Deputación para a mellora de estradas

Fronte á inacción do PP do Concello e da Xunta, o PSdeG pon en valor o investimento de máis de 1,3 millóns de euros que a Deputación de Lugo executa este ano nas estradas provinciais de Xove. As melloras continuarán en 2027 e 2028 para completar a renovación das vías.

Durante o último curso político, o Grupo Municipal Socialista formulou máis de 50 preguntas e numerosos rogos. “A resposta habitual do PP é que os asuntos se están mirando. Despois de vinte anos no Goberno, Xove non necesita que Salgueiro siga mirando: necesita que actúe”, subliña.

“O balance é o dun Goberno esgotado, sen proxecto e centrado en anunciar obras de mantemento cando se achegan as eleccións. Despois de catro mandatos e de xestionar arredor de 200 millóns de euros, Xove continúa con graves carencias en auga, saneamento, vivenda, urbanismo e desenvolvemento industrial. Foi outro curso político perdido para o municipio. Xove merece máis”, conclúe o PSdeG.

ÚLTIMAS

Morre un home en Foz por un incendio nunha vivenda da localidade

Unha persoa perdeu a vida este xoves tras producirse un incendio nunha vivenda situada...

Burela colabora co Bal y Gay para unha nova cita coa música clásica

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O vindeiro venres 14...

Primeiro parte da AEMET sobre o día da eclipse: Ceos nubrados no Cantábrico e litoral galego, con choivas no leste

O 12 de agosto, día da eclipse solar, será unha xornada marcada por unha...

Ribadeo prevé un aumento de 1.000 habitantes coas 300 vivendas proxectadas no PIA

O alcalde, Dani Vega, dixo que “tanto o Concello como a Xunta estamos a...