A Xunta formulou o informe de impacto ambiental do proxecto de ampliación do centro de almacenamento e valorización de residuos non perigosos na parroquia de Ove, en Ribadeo, e conclúe que “non se prevén efectos adversos significativos sobre o medio ambiente” e, por tanto, non considera necesario sometelo a avaliación ordinaria.
O promotor, Gestión Gratelu, proxecta a ampliación dunha instalación existente de almacenamento e valorización de residuos non perigosos na parroquia de San Xoán de Ove, no leste do concello de Ribadeo. O obxectivo é incrementar a capacidade produtiva da planta e incorporar novos residuos “de natureza similar aos que se xestionan na actualidade”. As obras suporán a ampliación dun centro preexistente, en parcelas sen vexetación de interese e “xa alteradas en boa parte”.
“Os residuos que se tratarán na planta son non perigosos, aínda que se prevé o almacenamento dunha pequena cantidade de residuos perigosos que poden chea´gar á instalación mesturados co resto ou que se poden xerar nos procesos”, recóllese na resolución.
En relación coas afeccións á atmosfera, a Xunta agarda “un aumento das emisións de po e do ruído, tanto nas fases de construción como na fase de explotación da infraestrutura polos propios procesos de valorización”. Con todo, sinala que as medidas correctoras propostas, tanto no documento ambiental como nas condicións deste informe de impacto ambiental, “minimizarían os efectos detectados”.
