InicioOccidentalViveiroViveiro inviste case 500.000 euros nun proxecto para obradoiros de emprego

Viveiro inviste case 500.000 euros nun proxecto para obradoiros de emprego

O programa «Viveiro Mantén», impulsado polo Concello, permitirá actuar en espazos públicos e centros do municipio a través de especialidades vinculadas á xardinería e á pintura

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro vén de obter unha subvención de 454.552 euros para a posta en marcha do obradoiro dual de emprego «Viveiro Mantén», un programa que permitirá ofrecer formación e unha oportunidade laboral a 20 alumnos-traballadores do municipio durante nove meses. O inicio da formación e das prácticas profesionais está fixado para o 1 de xuño.

O proxecto contará con dúas especialidades formativas: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e pintura industrial en construción, con dez prazas en cada unha delas. A resolución recolle tamén que o obradoiro permitirá actuar en varios puntos do municipio, entre eles a Escola de Faro, a Escola de San Pedro, o Grupo Escolar de Vieiro, a Escola de Magazos, o Grupo Escolar Calvoso, a Escola de Xunqueira, os xardíns Noriega Varela, a zona verde e deportiva de Lodeiro, a zona verde da Praza de Lugo, os xardíns de Lavandeiras, en Celeiro, e a creación dun parque canino no parque da Xunqueira.

A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou a importancia desta concesión e subliñou a aposta do Goberno local por este tipo de iniciativas. «Creo saber que os obradoiros non se convocaban, nin se celebraban, nin se solicitaban desde o ano 2008, e iso é importante e relevante. Esta corporación si aposta polos obradoiros de emprego e por dar oportunidades a quen non ten traballo nin opcións, para que aproveiten esta oportunidade e se formen para ter unha saída laboral», sinalou.

Desde o Goberno local ponse en valor que este programa combina formación e emprego, ao tempo que permite mellorar espazos e equipamentos públicos do municipio. O Concello considera que se trata dunha ferramenta útil para favorecer a inserción laboral, reforzar a capacitación profesional e ofrecer unha oportunidade real a persoas que precisan abrirse camiño no mercado de traballo.

A resolución de concesión establece unha duración de 1.440 horas, cunha subvención distribuída en dúas anualidades, 340.914 euros en 2026 e 113.638 euros en 2027. Do total, 288.664 euros corresponden a gastos salariais derivados dos contratos do alumnado-traballador e 165.888 euros a gastos de formación e funcionamento.

As persoas que desexen optar aos obradoiros de emprego deberán anotarse na Oficina de Emprego. Ademais, deberán cumprir o requisito de ter completada a ESO ou unha titulación equivalente.

Para o executivo municipal, a recuperación deste tipo de programas supón un paso importante na vontade de abrir novas oportunidades de formación e emprego en Viveiro e de seguir impulsando políticas activas que teñan unha repercusión directa na vida da veciñanza.

ÚLTIMAS

A Xunta autoriza a planta de residuos non perigosos de Ribadeo aínda que recoñece “aumento de pó e ruido”

A Xunta formulou o informe de impacto ambiental do proxecto de ampliación do centro...

A Mariña sentirá a potencia dos motores co seu VIII Rally que se celebrará esta fin de semana

Esta tarde presentouse en Viveiro a oitava edición do Rally da Mariña Lucense, que...

Fundación Expomar presenta o novo formato das súas xornadas técnicas

A Fundación Expomar, co cofinanciamento da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e...

O PP de Foz vota en contra da creación dun PAC en Foz: “o modelo actual funciona”

O Partido Popular de Foz no p en contra da proposta presentada pola esquerda...