-A súa conferencia en Ribadeo vai tratar sobre a figura das raíñas galegas. Nesta nomenclatura entran tamén as denominadas “raíñas consorte”?
A conferencia xirará arredor da figura de Urraca, sobre todo. Si é certo que hai un tempo sacamos un grupo de libros relacionados con raíñas galegas, mesmo antes fixemos unha biografía sobre reis e raíñas. Porén, agora decidín enfocarme sobre dona Urraca porque ela, desde o primeiro momento en que casa con Raimundo de Borgoña até a coroación do seu fillo en Compostela, Afonso VII, Urraca exerceu como señora de Galicia mais sen atributos de raíña, baixo o meu punto de vista, ao mellor a poderían considerar raíña entre o ano 1109 e 1111. Antes gobernou co seu marido por concesión do seu pai quen faleceu en 1109. Quen era o señor das terras era o seu proxenitor, mais cando morreu cedeulle o goberno directamente a ela e o seu marido.
-Que puntos novidosos se aportarán sobre a figura de dona Urraca e por que existe ou existía unha visión negativa desta nobre?
A figura desta muller era moi negativa, sobre todo porque as crónicas compostelanas ou outros libros do século XII e século XIII, poñen á raíña como unha mala gobernanta, como unha mala nai, unha persoa impetuosa, pouco organizada e mesmo daban unha visión incestuosa da súa vida. Ela casa en dúas ocasións, a primeira con Raimundo de Borgoña e despois con Afonso I de Aragón e tamén tivo unha relación co Conde de Lara. Con este último tivo dous fillos e como non estaban casados as crónicas do momento trasladan unha visión negativa dela. Mesmo no seu pasamento en 1126 en Saldaña, tamén din que foi a causa dun parto con 45 anos. En tal caso, cando se trata de homes estas cuestións non se trasladan da mesma maneira que se son mulleres. Se un rei ou nobre ten relacións extramatrimoniais mesmo non se ve como malo, non sucede o mesmo cunha muller.
-As crónicas compostelanas e as mensaxes que transmitían eran obra da Igrexa?
Estas crónicas eran redactadas moitas veces por persoas eclesiásticas ou vinculadas a Compostela, isto fai que enaltezan a figura do santo varón como Diego Xelmírez. Este home era un cúmulo de virtudes segundo as crónicas e ao mesmo tempo era un santo, pola contra, Urraca non. Ademais, estiveron pugnando entre eles, non desde a primeira etaba que vai desde que casa con Raimundo até que casa con Afonso I de Aragón. A partir de aí as relacións foron moi tensas, mesmo cunha parte da alta nobreza -non toda- liderada polo conde de Traba, Pedro Froilaz. Tamén houbo avinzas e desavinzas entre Urraca e o seu fillo.
-Cales eran as atribucións que tiña dona Urraca como señora de Galicia ou raíña?
Realmente si gobernou Galicia. Porén, eu non vin estas atribucións nin nos Cronicóns como nos Pergameos orixinais, fontes primarias ou case primarias, que se lle chamase condesa de Galicia. O seu marido si aparece como conde e algunha vez como Conde de Galicia mais isto non quere dicir que o país fose un condado. Démonos conta, por exemplo, de que na seguinte xeración, Afonso VII foi coroado como rei de Galicia, mesmo estando Urraca viva. Posteriormente, con Fernando II e Afonso VIII eran reis de Galicia e de León, por tanto, iso de que fosen condes en sentido estricto, non o vexo. O propio Raimundo de Borgoña nalgunha ocasión dise Duque de Galicia. Urraca si remarcou o seu señorío e o seu goberno, indicou case sempre ser infanta de León e, ao mesmo tempo, entre 1107 e 1109 denominábase como emperatriz de toda Galicia e posteriormente de toda Galicia e toda España. Non debemos entender o concepto de emperatriz como o actual, implantaban o seu señorío nun territorio.
-Cales eran as casas nobres onde tiña as súas orixes Urraca e por que apareceron as liortas con Xelmírez?
Viña da casa real galega por parte do seu pai e por parte da súa nai era Constanza de Borgoña, procedente do Ducado de Borgoña, mais Raimundo de Borgoña viña do Condado, por tanto había parentesco. Sobre o seu enfrontamento con Xelmírez eran cuestións políticas vinculadas á morte de Afonso VI. Cando morre este rei tamén morre un fillo do mesmo quera Sancho Afonso, un fillo espúreo tido cunha nobre musulmá chamada Zaida, mais que mudou o seu nome polo de Isabel. Urraca era candidata ao reino mais en segundo plano e se quería reinar había unhas cláusulas polas que non podía contraer segundas nupcias mais ella casa con Afonso I de Aragón. A nobreza galega, tomando a palabra de Afonso VI, opúxose a ela e o conde de Traba anima a Xelmírez a rexeitar o casamento. Desde 1110 o fillo de Urraca, que tería 5 anos, foi promovido para o trono galego. Hai un conflicto con esta figura, o neno é secuestrado en Castrelo de Miño e trasládano a Compostela e tras varios pactos, é coroado en 1111. Urraca desde ese ano até 1117 sempre reivindicou o trono galego. Non o conseguiu mais o seu sucesor, Afonso VII acadaría o reino de León e os territorios casteláns co pasamento dela en 1126.
