InicioOccidentalCervoA X Foliada Nordestía animará San Cibrao o 28 de marzo

A X Foliada Nordestía animará San Cibrao o 28 de marzo

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo destacar que “alcanzar a décima edición da Foliada Nordestía é un motivo de orgullo para o noso concello, porque significa que este evento medrou e consolidouse como un referente cultural en toda a bisbarra”

Publicada o

- Advertisement -

San Cibrao acollerá o sábado 28 de marzo a X Foliada Nordestía, unha edición moi especial ao tratarse dun número redondo que celebra xa unha década deste encontro de música e cultura tradicional, que encherá de ambiente festivo a vila cun programa completo pensado para todos os públicos.

A cita desenvolverase ao longo de toda a xornada e arrincará ás 12:00 horas cos Cantos de Taberna polos diferentes locais hostaleiros da vila. Ao mesmo tempo, entre as 12:00 e as 14:00 horas, haberá un obradoiro de cerámica. Ás 15:00 horas celebrarase o tradicional xantar popular, un dos momentos máis agardados da xornada para compartir mesa e festa.

Pola tarde continuará a programación con máis actividades:

  • 16:30 – 18:30 horas: novo obradoiro de cerámica.
  • 18:00 horas: obradoiro de iniciación ao baile tradicional a cargo de Iago de Vicente.

Xa pola noite chegará un dos pratos fortes do evento. Ás 19:30 horas dará comezo o Festival, no que actuarán Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá, garantindo música e festa ata ben entrada a noite. E para rematar a xornada, a celebración continuará coa sesión Tradi de Conxuro Discomóbil.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo destacar que “alcanzar a décima edición da Foliada Nordestía é un motivo de orgullo para o noso concello, porque significa que este evento medrou e consolidouse como un referente cultural en toda a bisbarra”. A rexedora puxo en valor o traballo do grupo A Rebolaxe, “que leva anos mantendo viva a nosa tradición e facendo que a música e o baile tradicional sigan chegando ás novas xeracións”.

Segundo destacou, “o noso folclore é historia viva, identidade e comunidade; e iniciativas como esta demostran que a tradición non só se conserva, senón que se celebra e se reinventa”. Desde o Concello de Cervo convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta xornada de convivencia, música e tradición, na que a festa e o bo ambiente están garantidos.

ÚLTIMAS